Publicado por Cesáreo Sánchez Iglesias en Sermos Galiza:
“Sempre pensei, e así o digo nalgún poema: só somos como nos soñamos cando amamos. Mais engadiría a isto que só da mao do teatro somos capaces de nos soñar nos outros, ao nos reflectir nas súas personaxes. Eu agradézovos hoxe a todos e todas os que me facedes soñar cando no idioma de noso acrisolades o sentir e o pensar, pois o teatro pulsa as fibras máis sensíbeis, tamén do noso propio corpo, no seu pensar emocionado. No teatro a linguaxe do corpo é pensamento. No teatro somos o soñador e o soñado.
Se facemos memoria dos últimos corenta anos, a biografía do teatro galego é a biografía da cultura galega. No devir do teatro galego está insculpida a biografía deste pobo de noso. O corpo do teatro dinos das súas ledicias e as súas dores e, na súa sensíbel pel, están tatuados todos os soños que nos poden levar deste presente de incerteza a un futuro no que nós escribamos a nosa propia historia.
O teatro, e o teatro galego en concreto, creou e crea vasos comunicantes entre a sociedade que alenta e o espectador. Do que acontece no teatro facemos entraña nosa, pois ábrenos as portas a descubrir por nós propios unha outra realidade que subxace baixo da realidade e os seus espellos cóncavos para a deturpar e nos mentir o real.
Cada cultura é un territorio camiñado polos carreiros que abre o teatro, que teñen a ver coa alma colectiva e que nos levan a formar parte dunha outra verdade humana na que habitan todas as verdades que cada cultura aporta. O teatro lévanos á busca da verdade da emoción, da verdade da idea que vivimos, descubrindo lugares do amor, da ledicia ou da dor, da imaxinación liberadora. O teatro fainos seres libres pois subverte os significados, libéraos e dános na propia mao a responsabilidade de encontrar respostas e de asumilas individual e colectivamente.
En todo teatro, tamén no teatro galego, está depositado o ser colectivo dunha cultura. Se mancan o corpo do teatro férennos e doémonos. Dóese a sociedade toda e sentimos que nos están a intentar saquear o que de máis verdadeiro nos posúe. Pois no escenario constrúese ese lugar do intemporal onde acontece o tempo fuxidío que só acontece nos territorios da alma.
Sempre levo comigo o exemplo da actriz Dan Thi Linh. Era combatente do Viet Cong, coas súas palabras de veludo e as leves danzas do seu corpo de flor de loto. As súas actuacións nas galerías soterradas de Cu Ci eran bálsamo para as feridas do ser dun pobo que, coas ferramentas do teatro, alentou os soños dun futuro en liberdade para a súa terra. Esta lección ética é a que sempre ollei en vós, todas as xentes do teatro galego.
No ano no que celebramos o Día das Letras Galegas coa figura de Roberto Vidal Bolaño e o cento cincuenta aniversario de Cantares gallegos da nosa escritora nacional, Rosalía, cando nos queren expropiar os soños e o presente, neste tempo no que, os que non aman o teatro son os mesmos que abandonan a tantas capas sociais no desamparo, Roberto e Rosalía dánnos voz para que non fiquemos á marxe da construción da propia historia, para que non nos derroten a esperanza. A ela, a poeta que deu voz ás que lles é negada a voz, puidemos levarlle flores o pasado 24 de febreiro, día do seu nacemento, con autorización por escrito, coma quen visita unha presa política.
Celebraremos o dia 17 de Maio cun home do teatro galego, para que non nos exclúan do futuro, para que non nos silencien.
Para non permitírmonos que boten un escuro pano de silencio sobre o teatro galego, resoa hoxe a súa obra; el dános voz, para que non fiquemos á marxe da historia.
Roberto Vidal Bolaño, coma sabio canteiro, é un dos dramaturgos e actores que teñen posto as pedras basilares da casa comunal do teatro galego actual, cunha humanidade que é filla dunha radical liberdade. Coa súa voz que vén dos territorios máis lonxincuos do ser, anainábanos e dicíanos verdade, cunha obra que nos emociona e nos divirte, que nos desacouga para que saibamos retornar e non nos perder polos camiños de retorno á casa natal. Roberto, na súa obra, revélanos o descoñecido de nós. El dinos que é o que aporta á cultura universal este anaco da humanidade que somos os galegos e as galegas.
Á luz deste marzo final, xa primavera, co rostro orballado de breves lágrimas de cristal e transparentes panos de liño, baixo un ceo de azul tenrura, Roberto abrázanos con afouteza e lévanos da mao cando os días estrean para nós os seus zapatiños de charol.
Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro
Cesáreo Sánchez, presidente da AELG
Cesáreo Sánchez lerá este manifesto na gala dos XVII Premios María Casares, que se celebrará o próximo mércores 27 de marzo no Teatro Rosalía Castro da Coruña