Entrevista de Montse Dopico a Estíbaliz Espinosa en Praza:
“Tomar distancia. Reenfocar a mirada para observar os humanos desde fóra de si mesmos. É o camiño que a escritora Estíbaliz Espinosa emprendeu no seu primeiro poemario individual, Pan (libro de ler e desler) (2000). Desde entón, adoptou múltiples ópticas. Do neanderthal ao cyborg. O autómata. O robot. O monstro. A besta. Seres desde os que repensarnos. En Zoom. Textos biónicos (2009) explorou ademais a relación entre creador e criatura. Autora e obra. E dese mesmo abraio polo texto, pola páxina, arranca o seu novo libro: Papel a punto de, publicado en castelán por El Gaviero Ediciones e dispoñible en galego no blogue da autora. (…)
“Neste libro pregunto a grandes escritoras da historia como é posible escribir e ao mesmo tempo criar un fillo soa. Elas responden que iso xa o fixeron moitas. Son contraria ao vitimismo. As mulleres de Ciudad Juárez si son vítimas do patriarcado. Iso é a violencia de xénero: verdugos e vítimas. Pero polo demais, creo que os avances da posición social da muller teñen que vir da súa loita. Do mesmo xeito, interésame a forza das mulleres. A épica feminina, que non é a masculina, nin son os tópicos dos sentimentos, o intimismo…”, sinala. E desde esta épica -a “forza sobrenatural” da nai, por exemplo-, trata as relacións humanas en fluído rosa. (…)”