Convocado o VII Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico

“Desde a contemporaneidade e inscrito nunha tradición que fixo da radio unha canle de expresión artística, o Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico pretende promover a creación cultural dun corpus dramático no formato do teatro radiofónico.
A Radio Galega a través do programa Diario Cultural e coa colaboración da Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria organiza a sétima edición dun premio que pretende fomentar a escrita de textos dramáticos para a radio e contribuír á recuperación do formato do teatro radiofónico. Non se trata tanto de recuperar as fórmulas convencionais do radioteatro como de estimular a creación de pezas dramáticas contemporáneas e facilitar unha plataforma de creación aberta ás novas linguaxes artísticas na radio.
As obras seleccionadas polo xurado, emitiranse na Radio Galega e editarase un libro-CD cos textos finalistas ademais da súa publicación na páxina web da CRTVG. Outorgaranse os premios do xurado e da audiencia, dotados cada un deles con 3.000 euros.

BASES

1ª. Poderán participar todos os escritores e escritoras que o desexen sempre e cando non mateñan unha relación laboral coa CRTVG e calquera das sociedades que comprende (TVG e RG).
Os participantes deberán ser maiores de 18 anos.
2ª. Os traballos presentados deberán ser orixinais e inéditos, escritos en lingua galega e non poderán ser adaptacións. Deberan estar libres de todo compromiso anterior con emisoras de radios, televisións, editoriais ou entidades semellantes.
3ª. Os traballos adoptarán o formato de guión radiofónico dramático. Estarán calculados para que a súa duración en antena sexa de dez minutos como máximo. As obras terán un elenco de cinco personaxes como máximo. Os autores poderán utilizar, coas indicacións pertinentes, cantos recursos radiofónicos consideren necesarios para que o texto sexa realizado de maneira axeitada: música, planos sonoros, efectos etc. O director ou directora das dramatizacións radiofónicas poderá facer as adaptacións necesarias para a súa realización e emisión. Cómpre ter en conta que as obras serán emitidas nas distintas faixas horarias, tamén en horario infantil.
4ª. Non se admitirán máis de dous guións por autor/a e de cada obra se presentarán orixinal e cinco fotocopias. Os autores/as concursarán polo sistema de plica. En sobre pechado deberán facer constar o seu  nome, apelidos, DNI, enderezo postal e número de teléfono. Os traballos faranse chegar por correo ao seguinte enderezo:
Radio Galega, Diario Cultural.
VII Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico
San Marcos 15820. Santiago de Compostela.
Conservaranse durante un mes a partir da data en que se faga pública a resolución do xurado e despois destruiranse os que non fosen solicitados polos seus autores/as.
O prazo de admisión de orixinais comezará cando se faga pública esta convocatoria e rematará o día 3 de maio de 2013.
5ª. Os argumentos das obras serán de temática libre.
6ª. O xurado estará integrado por profesionais de recoñecido prestixio do ámbito da escena galega e da radio. O xurado valorará especialmente a calidade literaria e drámatica das obras e a sua adaptación ao medio radiofónico.
7ª. Os autores/as comprométense a autorizar a dramatización e emisión pola Radio Galega das obras presentadas de seren estas seleccionadas, así como a súa edición en libro-CD e a súa publicación na web da CRTVG. A tal fin, os autores/as premiados e finalistas ceden a Radio Galega os dereitos de comunicación pública, reprodución e distribución precisos para a posta en antena da obra e a súa primeira edición en libro e disco compacto.
Os autores/as que o desexen poderán enviar co texto as gravacións das dramatizacións en soporte de CD. As gravacións non serán tidas en conta na valoración dos textos teatrais polo xurado pero si serán emitidas, se son finalistas os textos, pola Radio Galega para a votación da audiencia en lugar da dramatización realizada polo equipo artístico.
8ª. O xurado escollerá escollerá entre as obras presentadas un premio único dotado con 3.000 euros e catro finalistas como máximo. As obras seleccionadas emitiranse pola Radio Galega e a audiencia escollerá por votación entre as emitidas a obra que obterá o premio do público, dotado con 3.000 euros. O xurado reservase a facultade de declarar deserto o premio convocado.
9ª. Calquera incidencia non prevista nesta convocatoria será resolta polo xurado.
10ª. O feito de concursar supón a aceptacion destas bases.”