A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) anuncia que este xoves 11 de abril, a partir das 20:00 horas, terá lugar a conferencia inaugural dos VI Encontros Cidade da Coruña, organizados coa colaboración da Real Academia Galega e a Concellaría de Cultura do Concello da Coruña, coa presenza de Xosé Luís Axeitos, presidente en funcións da Real Academia Galega, do presidente e da secretaria xeral da AELG, Cesáreo Sánchez e Mercedes Queixas respectivamente, e da relatora, Pilar García Negro, quen desenvolverá o tema Rosalía de Castro: a orixinalidade do seu cantar.
A última das conferencias será impartida pola autora portuguesa Lídia Jorge, que recollerá o premio Escritora Galega Universal concedido pola AELG.
A seguir, o programa completo dos Encontros, que se celebrarán sempre ás 20:00 horas no Salón de Actos da Real Academia Galega:
1. Conferencia inaugural. Xoves, 11 de abril: Rosalía de Castro: a orixinalidade do seu cantar, por Pilar García Negro.
2. Xoves, 18 de abril: Elas, as invisíbeis. Silencios e voces das represaliadas, por Aurora Marco.
3. Xoves, 25 de abril: As voces ausentes. Literatura restitutoria, por Antón Riveiro Coello.
4. Venres, 3 de maio: Quem guardará os livros, por Lídia Jorge, Escritora Galega Universal 2013.
Porque precisamos reconstruírmos os lugares máis escuros da memoria -as guerras, as mulleres represaliadas, as guerrilleiras, as voces enfermas, esquecidas ou simplificadas até o sometemento, as vidas vividas a contrafío na defensa dos dereitos- chegamos á escrita restauradora.
Velaquí a literatura a se converter nos óculos-ponte e no espello reflector que trace, desde a palabra, os lindes xeográficos e humanos dos territorios da invisibilidade.