Begoña Caamaño e Manuel Álvarez Torneiro coinciden de novo nos Premios da Crítica española

Desde Sermos Galiza:
Manuel Álvarez Torneiro en poesía e Begoña Caamaño en narrativa, son os dous nomes que resultaron premiados no Premio da Crítica Española que se fallou na mañá do sábado día 13 en Ponferrada. Recuncan cando se cumpre o mes de teren recibido os galardóns da Asociación Galega de Editores. (…)
Un xurado composto por críticos literarios destacou a voz de Álvarez Torneiro para lle outorgar este galardón que o seu máis recente libro, Os ángulos da brasa, suma ao xa recibido Ánxel Casal de poesía da Asociación Galega de Editores. O crítico Xosé Manuel Eyré, que tomou parte no xurado, apunta en Ferradura en tránsito que o libro de Torneiro: “…É un poemario extraordinario, un poemario que logra ser emotivo sen deixar de ser reflexivo, unha ollada sobre a vida desde a altura dos anos e da experiencia, sobre a vida e o ser humano. Un poemario que reconciliará coa poesía a todos aqueles que estean un pouco saturados das formas e contidos da poesía máis vangardista e anovadora, porque esta poesía, como a de sempre, perfectamente medida, calculada, con cada cousa no seu sitio para que a discursividade sexa natural, deixa lugar unha expresividade que non procura o epatante, nunca hai lugar para artificio senón o sentir e a reflexión”. (…)
De novo Morgana en Esmelle (Galaxia) de Begoña Caamaño é recoñecida como mellor obra narrativa do 2012. Da súa segunda novela, a autora comentou recentemente nunha entrevista no semanario Sermos Galiza que se pode “ler con claves de contempoarneidade e propón outro tipo de modelos. A cultura ten que camiñar apegada á ética. Non podes estar calada diante do que pasa, tes que tomar postura, propor alternativas”. A segunda novela de Caamaño publicouse despois de que a xornalista se dese a coñecer como escritora con Circe ou o pracer do azul. En ambos títulos, a escritora revisita a historia literaria e mítica desde a súa escrita feminista. (…)”