A Coruña: Escola de Escritoræs, obradoiro A escrita do poema, a cargo de Dores Tembrás

A escrita do poema: dende a reflexión ao sen alento é un obradoiro a cargo de Dores Tembrás, organizado pola Escola de Escritoræs da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co patrocinio da Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a colaboración da Biblioteca do Centro Ágora da Coruña.
O obradoiro desenvolverase dende o 2 de maio ata o 20 de xuño de 2013, todos os xoves de 20:00 a 22:00 horas. Ao ter completas as prazas; abrirase unha lista de espera, chamando ao CMIX Centro Municipal de Información Xuvenil no teléfono 981 184 294.
A proposta deste obradoiro é sinxela, pero ambiciosa: adentrármonos no acto da escrita.
Para isto contaremos con oito sesións de dúas horas que investiremos en achegarnos a distintas poéticas da literatura galega contemporánea que nos permitirán coñecer a variedade de estilos e abordaxes ó acto creador. Ese será o punto de partida para reflexionar sobre o espazo do poema e os seus mecanismos, tentando aproximarnos á definición do acontecer poético. Ligado a isto afondaremos na procura da palabra e o traballo coa linguaxe: silencio, emoción, suxestión. Diferentes exercicios poñerán de relevo os puntos fortes nos que debe afianzarse a proposta de cada participante e tamén aqueles máis débiles que nos levarán á procura de alternativas.
Todo co obxectivo de adquirir as ferramentas necesarias nas que poder desenvolver cada escolla individual. Todo para afondar, entre derivas, no fascinio poético.”