Dores Tembrás: “A miña poesía leva a terra tatuada”

Entrevista a Dores Tembrás en Sermos Galiza:
“- Sermos Galiza (SG): Por que Cronoloxía da Urxencia?
– Dores Tembrás (DT): Interesábame traballar o concepto do desexo, non como obxectivo senón determe no propio proceso e dentro del no que entendo como dous tempos, por unha banda a contención e pola outra a inminencia. Tentei escribir eses dous tempos do desexo a través dunha cronoloxía con tensións e distensións, co silencio como protagonista. Un desexo no que fala a muller, no que a figura da muller é fundamental.
– SG: Muller como voz poética ou tamén como referente?
– DT: Como voz poética mais no poemario aparecen tamén moitas mulleres diferentes, todas experimentan o desexo nestes termos. Para min era importante enfocar non só do desexo desde o punto de vista filosófico ou profundo senón tamén que se concretase en voces feminina, que coñecín e que me contaron. O desexo da palabra, do poema, de atopar o alento, o que determina o achádego do poema. (…)
– SG: Desde 2009 no que publica O pouso do fume (Espiral Maior), alén de O Peizoque Roque (Galaxia) para público infantil, non volve publicar. O mundo editorial está pechado para a poesía?
– DT: Neste caso din por fechado o poemario hai relativamente pouco. Paso moito tempo cos poemarios, pero si que é certo que a situación é terríbel. As circunstancias son tremendas e ao pulsar a opinión outros poetas de que para publicar parece que pedimos esmola. As editoriais pasan por momentos difíciles e compre buscar novas vías. A autoedición será un camiño que cada vez cobrará máis forza e tamén pequenas editoriais con proxectos arriscados. Mais son optimista porque creo profundamente na calidade da poesía galega.
– SG: Ten blog e páxina web, é a maneira de se achegar ao público lector?
– DT: Unha das maneiras é a edición dixital, a xente que publica directamente. Estamos a vivir un cambio de formato.  Nese sentido síntome unha muller do meu tempo e gosto de estar en contacto coa xente que se interesa do que fago e recibir o seu feedback. (…)”.