Euloxio Ruibal: “Era difícil e admirable que un grupo estrease unha obra”

Entrevista a Euloxio Ruibal en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): E do cine ao teatro… Despois esa colaboración [con Roberto Vidal Bolaño] continuou cos premios Abrente, as primeiras mostras de Ribadavia…
– Euloxio Ruibal (ER): Nós tiñamos certa preocupación pola recolla de manifestacións etnográficas, parateatrais. Pero á hora de facer curtas de ficción, pasábamos por moitas dificultades económicas, e foi como fundamos Obradoiro, un grupo de teatro para interpretalas. Así naceu Antroido, seguindo nesa liña de investigación antropolóxica do parateatral (os peliqueiros de Laza, as procesións…). Eu escribira O cabodano, pero non pasou a primeira censura (a de texto: daquela primeiro censuraban o texto e despois o espectáculo). Entón tentamos unha farsa dun autor anónimo francés, da que eu fixera unha versión libre [a Farce de maître Pathélin, da que saiu As falcatrúas do Marqués Patacón, estreada en maio do 76].
Non houbo moita máis colaboración con Antroido, xa que despois eu me apartei do teatro, e ocupeime coa galería de arte Citania. Eles, mentres, tentaron a profesionalización, e eu dicíalles: “Que valentes sodes! Vivir do teatro!”. O que son as cousas, despois, á volta do tempo, Roberto quixo montar O cabodano, e eu cedéralle os dereitos a Vieites, pero non me puiden negar. E non chegou a vela estreada: a obra estreouse en Narón, con Susana Dans no papel principal [por Teatro do Aquí, con dirección de Rubén Ruibal, no ano 2002].
– SG: Que significaba escribir teatro naqueles tempos, comezando os 70?
– ER: Significaba saber que ía haber incomprensións, que ían haber dificultades para a estrea e para a publicación.
– SG: E como fixeron para crear público? Ten dito que o público non se capta, senón que se crea.
– ER: Ao público primeiro hai que atraelo, e despois mantelo. Eu centreime na escrita, pero admiro moito o traballo ao ver que un grupo consegue estrear unha obra, ao ver que se está facendo un esforzo incrible. Esixe traballar en solitario moitas veces, pero tamén en equipo. Na nosa formación, a de Roberto e a miña, influíron moitas cousas que nos fixeron pensar o teatro como algo dinámico: discutimos moito sobre Brecht, coñecemos Marat-Sade, de Peter Weiss, a través dunha montaxe de Marsillach, vimos Yerma, con Núria Espert… Despois encargármonos tamén da programación da Caixa de Aforros, buscando sempre teatro con esa dimensión ética, espectadores activos, e espectáculos críticos.”