Entrevista a Francisco Macías en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Que descobre a Obra Completa de Vidal Bolaño?
– Francisco Macías (FM): Estou a recibir opinións de moita xente que me di que están descubrindo un autor como a copa dun pino, un autor inmenso. A publicación da súa obra podería facer repensar as políticas editoriais e o sistema literario. Manter un autor como Roberto case oculto di moi pouco do noso sistema literario. Topei mesmo con xente moi enfadada por non ter lido este autor, por non o ter atopado e saber del só agora. É a primeira vez que a Academia descobre un autor. No caso de Lois Pereiro, a conmemoración foi moi popular, mais non foi unha descuberta. A figura de Roberto era moitas cousas, director, actor, iluminador, dobrador… pero a xente está descubrindo un autor. Ten mérito a Academia, a que o escolleu.
– SG: Como explica ese ocultamento da súa obra, até agora case nada publicada e moi difícil de atopar?
– FM: Roberto sigue sendo moi incómodo, o que di moi pouco a favor da cultura galega, que non se asuma a como un gran autor. Hai que ser autocríticos e recoñecer que isto é así. Vén dado tamén polos prexuízos que temos polos dramaturgos, que son escritores de segunda. Trátase dunha eiva que había que eliminar. Por outra parte, Roberto era un tipo moi independente. A xente na cultura funciona por capelas, e el era un home libre. Aínda hai medo a súa literatura, eu creo que é porque quen a le se asombra. Roberto falaba do presente, non tiña que diferenciarse da realidade, do que estaba a acontecer. Non hai ningún autor da literatura galega que se ocupase tanto do que estaba a pasar, do presente, da decadencia da sociedade na que vivimos. (…)
– SG: Vostede non apresurou o día para chegar con todo pronto ao 17 de maio mais, valora que hai moito ruído editorial arredor da data?
– FM: Son parte implicada mais, ás veces, nótase premura no traballo de moitas editoras. Non este ano particularmente, senón sempre. Hai unha produción excesiva que non se corresponde coa demanda, é o mundo ao revés. Non creo que se demande todos eses títulos tan repetitivos. Nós temos ganas de que pase o día para seguir traballando tranquilamente a obra de Roberto. Outros teñen o sentimento contrario, que vai ser de nós a partir do 17, que faremos cos libros. Nós estamos convencidos de que a literatura de Roberto ten un percorrido longo. A partir de agora, ninguén vai poder obviar a obra de Roberto Vidal Bolaño. É un monstro pero non hai que ir con premuras. (…)”