A cociña literaria de Xesús Constela

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Pasou onte polo Club de Lectura II do IES de Valadares o escritor Xesús Constela. O encontro, desenvolto no Espazo de Lectura «Celso Emilio Ferreiro», centrábase nun principio en diversos aspectos que podería suscitar a lectura de 15.724 pero, na realidade, sobordou con moito os límites que podería suxerir un faladoiro sobre este título. (…)
No Club de Lectura soubemos o que, doutro xeito, talvez sería imposible como as razóns que levaron a Constela a escoller a imaxe da ave durmida ou o armadillo como símbolo; desvelou as dificultades que supoñen para el tanto a escolla dos títulos como dos nomes dos personaxes alén de confesar as fontes empregadas para construír o discurso ampuloso e cheo de naftalina que empregan os xornalistas. Non esqueceu, tampouco, confesar as claves dunha novela alicerzada nese punto exacto da ficción e realidade, no xogo de catro voces narrativas e mais na relevancia que pode adqurir un final conscientemente aberto a diversas posibilidades interpretativas. (…)”