María Xosé Queizán: “A ideoloxía de que as mulleres estamos para parir non é unha volta a 25 anos atrás, senón a hai séculos”

Entrevista de Montse Dopico a María Xosé Queizán en Praza:
“(…) – Praza (P): En todos os teus libros hai protagonistas femininas que se rebelan contra os roles que lles impoñen. A túa Antígona galega enfróntase co poder, Diana de Meu pai vaite matar líbrase dun home que a maltrata, igual que a moza de Ten o seu punto a fresca rosa se enfronta co seu pai pederasta. A idea é, supoño, que si se pode…
– María Xosé Queizán (MXQ): É que para iso escribo. E falo de mulleres que existiron no pasado ou de mulleres do presente, pero mulleres que si, que se rebelaron contra o que lles era imposto. É certo que os homes non adoitan facer a mulleres protagonistas das súas novelas. Ou que cando o fan o fan moitas veces seguindo un paradigma determinado de muller. Falabas antes do meu modo de tratar o tema do lesbianismo. En Meu pai vaite matar a cuestión non é que Diana e Odile sexan dúas mulleres. Non é que a parella de Diana sexa un home ou unha muller. A cuestión non é esa, senón ter unha relación igualitaria ou non. O que ocorre é que, como na literatura, en xeral, parece que as lesbianas non existen, eu fago que existan, e fágoo deliberadamente. Parece que na vida real só existen as parellas heterosexuais, e desde logo non é así.
– P: En relación con iso, o teu proxecto poético ten moito que ver con recuperar a palabra das mulleres. A palabra que se lles negou na historia. Os homes como donos da palabra están en Fóra de min, como en Metáfora da metáfora está o falso amor a mulleres inventadas, idealizadas, mitificadas pero negadas como suxeitos.
– MXQ: É que así foi na historia. Os homes eran os donos da palabra. A palabra da muller era desprezada, considerada cháchara… Porque a palabra que se valoraba era a palabra pública, a das leis, a do espazo público que lles era vetado ás mulleres. Ás mulleres correspondíalles só a palabra dirixida ao marido, aos fillos, a da expresión dos sentimentos. A palabra foi masculina e temos que recuperala. Pero creo que niso o feminismo non vai por bo camiño. Creo que non é necesario dicir “nenos e nenas” cando podemos dicir “infancia”. Non fai falta dicir “boas tardes a todos e todas” cando podemos dicir “boas tardes”. Mesmo antes se dicía máis “médica” que agora. Non sei cal pode ser a solución, pero a min o a/o non me convence. (…)”