A literatura galega por vez primeira nun dos máis importantes en Europa

O sábado 15 de xuño, deu comezo en Finlandia unha das reunións literarias máis lonxevas e prestixiosas do continente, a Reunión Internacional de Escritores de Lahti, que celebra este ano o seu medio século de historia. 55 creadores/as de 25 países reúnense este ano baixo o título Rompendo Muros. Autores coma Günter Grass, Salman Rushdie, Camilo C. Cela, Milan Kundera, J. Ashbery, Vargas Llosa, Susan Sontag, J. M. Coetzee, M. Houellebecq, Margaret Atwood ou Lobo Antunes teñen pasado polas 26 edicións deste encontro bianual de sona mundial. Máis de mil novelistas, poetas e outros expertos e expertas na crítica e a investigación literaria participaron nun evento organizado pola Sociedade Eino Leino, a Universidade de Verán Päijät-Häme e o Concello de Lahti.
Por vez primeira na historia desta reunión literaria, a literatura en galego fai parte dos escolleitos participantes, a través das achegas da poeta Yolanda Castaño. Recitando poemas en galego seguidos de traduccións ao finés, ela participou na lectura pública que tivo lugar onte sábado na céntrica sede do principal xornal do país, o Helsingin Somatolo, xunta outros autores e en fronte dun nutrido público da capital, como se pode ver nesta entrevista. Ademais, a autora galega volveu recitar o luns 17 de xuño ás 19:00 horas na velada poética internacional, sendo a encargada de co-presentar o evento xunta o escritor e xornalista finés Antti Leikas no Sibelius Hall, un dos centros de congresos mellor considerados do norte de Europa.