Tucho Calvo: “Nos dez anos de Biblos”

Entrevista de Ramón Nicolás a Tucho Calvo, en Qué leer, desde o seu blogue, Caderno da crítica:
“(…) – Ramón Nicolás (RN): Cal foi a orixe deste proxecto [Biblos Clube]?
– Tucho Calvo (TC): A idea xurdiu ao valorar a grande importancia que tiña, cuantitativa e cualitativamente, a edición en galego e comprobar a súa escasa presenza nas librarías, por outra parte inexistentes en amplas áreas do noso país. Facilitar o acceso desde calquera lugar a todo tipo de novidades, incorporar as do mercado portugués e atender tamén a nosa música e cine, pareceunos un labor ilusionante. (…)
– RN: O premio literario anual que organizan deu a coñecer novos e sólidos valores…
– TC: É unha aposta polos mozos de menos de 25 anos que queren ser novelistas e teñen un proxecto interesante. A resposta, reducida no número de participantes, foi extraordinaria no que se refire a calidade. O formato do premio, que entre outras vantaxes ofrece ao gañador a estanza durante un mes na Casa Grande do Bachao para rematar o proxecto de novela e a axuda dun titor de alto nivel (Méndez Ferrín, Fina Casalderrey, Agustín Fernández Paz, Manolo Rivas, María Xosé Queizán…) funcionou tan ben que a maioría dos gañadores contan xa coa súa segunda e ata terceira novela. (…)
– RN: Cal é o maior reto de Biblos Clube de Lectores nestes momentos?
– TC: Como dende o primeiro momento, conseguir levar a información bibliográfica ao maior número de persoas posible. Día a día -e nos últimos meses fixemos un esforzo recompensado coa incorporación de numerosos socios-comprobamos que é moi difícil ser coñecido mesmo entre xente con interese no tema, xente que se mostra sorprendida de non ter recibido antes noticias da nosa existencia.”