Teresa Moure: “Todas podemos ser lobos, todas asomamos as orellas porque somos ferozmente de plástico”

Entrevista a Teresa Moure en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): É o seu primeiro libro de poesía [Eu violei o lobo feroz]. Porén, eu non puiden deixar de lelo como un conto.
– Teresa Moure (TM): Si, é certo que é unha poesía moi narrativa onde ao longo do libro segues practicamente unha historia dunha presa que despois é liberada. Hai moitas claves para entendelo en clave de conto.
En xeral eu non acredito moito nos xéneros. Había moitas veces que escribía ensaio e intercalaba contos. Pasa en A palabra das fillas de Eva ou en O natural é político. Gosto moito de misturar as técnicas. Creo que non hai xéneros senón historias que deben ser contadas e utilizanse as ferramentas para contar esa historia. Nese sentido vexo moi audiovisual sempre todo, como un videoclip das cousas que vou escribir e segundo vexa o videoclip si me adapto.
Mais eu tiña ganas de publicar algo de poesía porque sempre é o que me reclama o público e neste momento publiquei teatro, novela, relato, xornalismo… creo que todos os xéneros menos a poesía e hai moitos lectores de poesía en galego. Ten moita tradición a poesía na literatura galega. Así que curiosamente moita xente me dicía ‘poesía para cando?’ E neste momento a poesía xurdiu, pareceume unha boa estratexia para esta historia e… alá foi.
– SG: Outra cousa das que lle reclamaba o público era a temática erótica.
– TM: Si! Sabes por que? Moitas veces a crítica dixo que unha das características da obra narrativa de Teresa Moure era que falaba metaforicamente… (…)
– SG: Eu violei o lobo feroz é a súa primeira experiencia literaria en galego-portugués. Como a está a viver? Como acolleron as editoriais a súa mudanza ortográfica?
– TM: Ben. Teño que estar moi agradecida a ATravés, que me brinda a posibilidade de publicar despois de pasar a fronteira das normas non recoñecidas. Non podo evitar neste momento sentir que se inaugura unha etapa na medida en que o meu paso non é baladí. Para moitas persoas pode ser unha integración nunha idea ou unha estética, mais eu, como dicía no artigo das encrucilladas, fágoo só por motivos éticos, mais suponme perder voz, perder posibilidade de publicar.
Así que fágoo cun bocado de amargura cara ás editoriais que moito tempo publicaron obras miñas e as venderon e agora de repente se tornan de costas polo feito anecdótico de eu escribir nunha ortografía disidente. Claro, anecdótico sería se non fose tan triste. E se os escritores e as escritoras que asumimos outra norma non nos quedasemos deitados directamente nas marxes. Eu creo que esas editoriais deberían repensar un pouco.
Creo que á volta duns anos o proceso vai ser distinto, que teremos que aguardar. E si convocaría tanto as leitoras e leitores a non abandonar aos escritores que tomamos este paso. Creo que é importante que se vexa que hai apoio, que se segue lendo independentemente da ortografía. E convidaría aos escritores e escritoras a se sumaren, porque as loitas teñen que ser colectivas. En ningún caso o fago como un beneficio persoal. Forma parte da loita da presa. (…)”