O novo obradoiro da Escola de Escritores/as da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co título Da memoria ao poema, comezará o vindeiro sábado, 14 de setembro, ás 12:00 horas, na Sala de didáctica da Fundación-Museo Eugenio Granell, coa presenza do vogal da AELG, Carlos Negro, quen o ano pasado impartiu o primeiro desta serie de obradoiros en colaboración coa Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Santiago de Compostela.
Este obradoiro estenderase até o 30 de novembro tras 10 sesións semanais.
Será unha iniciación á creación poética que convidará a escribir desde a lectura, o ensaio e o pracer creativo ao longo de 20 horas repartidas en 10 sesións semanais.
Traballarase a partir dunha escolma de poemas de diferentes autores e practicaranse diversas técnicas para a escrita, exemplificando e recorrendo a outros soportes como o audiovisual para dar conta tamén das novas linguaxes poéticas (poesía visual, poema-obxecto, video-poema, etc.), sempre desde a reflexión sobre literatura e a poesía (que é a poesía?, para que escribir?, como ser escritor-a?, metapoéticas e autopoéticas, homenaxes e intertextualidade fronte a plaxio).
O obxectivo é o de estimular a sensibilidade poética para fomentar así a creatividade literaria a través do coñecemento da linguaxe poética e as súas posibilidades expresivas.
Contarase coa visita dun poeta novo para falar da súa experiencia sobre a escrita aos 20 participantes, que pecharán o curso cun recital de poesía.
Alicia Fernández Rodríguez naceu en Escairón (O Saviñao) no ano 1987. Licenciada en Filoloxía Galega pola USC.
Participa en numerosos recitais e cursos de iniciación á poesía para nenos. Os seus poemas foron publicados en revistas literarias como A Caramuxa, Xistral, Dorna, A ciegas ou Revista das Letras, e nos libros colectivos Sempre mar. Cultura contra a burla negra (2003), Letras Novas (2007) e Guía viva de ortodoxos y heterodoxos en la poesía contemporánea gallega (2012). No 2005 foi editado por edições Tema o seu poemario Botar o mar polos ollos.
Gañadora, sendo aínda adolescente, de premios de poesía como o Francisco Fernández del Riego, Francisco Añón, Díaz Jácome, Ánxel Casal ou Minerva, entre outros, galardóns que, co tempo, non lle impediron desenvolver unha voz propia e escintilante, con textos que cativan o lector pola súa intensidade emocional e pola súa ousada transparencia formal. Poemas que arrincan desde un lugar remoto da consciencia para revelar as entrañas do monstro e as súas longas poutas, sempre asexantes.
Participou no IV Encontro de Nov@s Escritor@s organizado pola AELG en 2009 coa conferencia «Canonizar as amigas» coa que fixo un repaso daquelas poéticas que máis inflúen na súa propia escrita, incidindo especialmente na chamada poesía feminina dos 90 (pero tamén nalgunhas/algúns autoras/es dos 80) ao tempo que mostra un suxestivo abano da poesía galega máis recente, na que ela mesma se insire (Alba Vidal, Fran Cortegoso, Andrea Nunes, Mario Regueira, Xiana Arias, Gonzalo Hermo, Oriana Méndez, Xabier Xil Xardón, María Comesaña, Brais González).