Cork, Irlanda: conferencia de Fina Casalderrey no Self-Translation in the Iberian Peninsula

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega colabora co Centro de Estudos Galegos de Irlanda, radicado na University College Cork, facilitando a presenza de Fina Casalderrey no Self-Translation in the Iberian Peninsula. Impartirá a conferencia Indumentarias da palabra nun vestiario persoal, o venres 20 de setembro entre as 17:00 e as 18:00 horas, co patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística:
“Os idiomas son traxes cos que se viste a palabra, acomodados a cada ladeira do edificio do mundo. A vestimenta da miña palabra é a galega, que en diferentes momentos da súa historia milenaria sufriu un acoso que converteu á poboación galego-falante en “forzados autotraductores” que, malia soñar en galego, habían de esforzarse en expresarse na lingua dominante: o castelán. Chegamos a tomar como “natural” a tradución simultánea e escribiamos en castelán as cartas que nos ditaban en galego. Vivimos unha situación de diglosia aínda non curada.
Nas autotraducións ao castelán, tanto nas de intervalos de anos con respecto á publicación galega (nese caso non sempre fun “fiel” ao orixinal) coma nas inmediatas (nas que, quizais por mor dese conflito interno, paso dunha versión a outra e viceversa, convertendo as dúas en “orixinais”, ou as dúas en “traducións”), en ambos casos, sentinme máis libre que cando vertín ao galego libros doutros autores.
Nas traducións inmediatas (case sempre álbums), precisamente, por esa “militancia” de escribirmos en galego”, téñome sentido “traidora”. E experimentei esa mesma incomodidade cando sucumbín á tentación editorial de traducir 16 libros de KiKa Superbruxa, do castelán ao galego (polo visto, nalgún dos meus libros mostro un estilo semellante ao do alemán Knister). Son textos sinxelos nos que o autor salta do Salvaxe Oeste á época dos dinosaurios ou aos Vikingos, de don Quijote a Drácula, nos que a acción está por riba doutras consideracións. Con todo, houben de botar man de intuicións en momentos nos que considerei que a versión castelá non era congruente.
Non teño todas as respostas, nin sequera con respecto a textos da miña autoría. Aínda no suposto de que dominase, poño por caso, o irlandés, hai algún que non sabería como “vestir” para conseguir o mesmo efecto que produce en galego, entón lembro aquilo de “catro ollos ven máis ca dous”.
Mentres sigo coas miñas dúbidas, na procura do tradutor ideal.”

Dentro do programa tamén participarán Xosé Manuel Dasilva, María Liñeira, Ana Garrido González, María Reimóndez, Rexina Vega e Martín Veiga.