Manuel Veiga: “Como autor, non me gusta a cultura da queixa”

Entrevista de Montse Dopico a Manuel Veiga en Praza:
” O novo libro de Manuel Veiga é unha novela de xornalistas. Dun tipo de xornalismo que naceu coa Transición, coas esperanzas postas no futuro e nunha transformación real da realidade. Mais tamén é a crónica dun desencanto. Dunha xeración que pasou da ilusión á decepción, non sen complicidades co que veu despois. Alén dun retrato social, político e cultural da evolución dun país que houbo un tempo no que pechou en falso demasiadas portas. E até hoxe. Chámase Os xornalistas utópicos. E mestura a memoria do autor coa ficción. O autor presentará o libro este mércores 25 de setembro en Compostela, na libraría Couceiro, coa presenza de Manuel Bragado e Mario Regueira.
– Praza: Os xornalistas utópicos achéganos unha visión bastante crítica do xornalismo actual. Di que non interesa a verdade senón facer literatura economicamente rendíbel: coa súa trama, o seu malo, a súa vítima… Era ese un dos obxectivos principais da novela?
– Manuel Veiga: De primeiras, eu non tiña vontade de facer ningunha crítica. Eu quería só escribir e facelo o mellor posíbel. Pero un, como autor, responde a un carácter, a unha biografía. Non podes evitar ser quen es, aínda que o intentes e escollas o xénero da ciencia ficción. Detrás sempre está o mesmo pulmón alentando. En concreto, eu son xornalista de profesión e sempre tiven unha perspectiva crítica, desde que me presentaba aos concursos de redacción no bacharelato. Incluso a ironía xa estaba naqueles textos. O libro, é certo, vai de xornalistas, como outros van de detectives. (…)”