Compostela: novas conferencias no ciclo Escrita(s) 2013

O ciclo Escrita(s) 2013, coordinado por Claudio Pato, terá lugar en Almáciga(s), na Travesa dos Basquiños, 14, de Santiago de Compostela. Dentro do programa (que pode ser descargado aquí: Escritas-2013), destacamos estes actos para o venres 27 de setembro:

18:00 h. A fabricaçom de “terrorismo”: média e excepcionalidade, por Xoán & Aarón. Radicais que “comem de bocadilhos e menu do dia”, cérebros nas sombras… com etiquetas e ‘provas’ que rozam o risível, a elaboraçom do mito do ‘terrorismo galego’ exemplifica a vergonha dum panorama mediático vendido sem reservas à ‘razom de estado’ e a simpleza dum discurso que unicamente visa legitimar a militarizaçom da repressom política.
20:30 h. Dar voz, o pasado é aínda posible, por Brais Gonzalez Arribas. No momento da máxima expresión das sociedades abertas do control, onde este interiorízase, asumíndose, pola contra, como o exercicio individual da liberdade, semella que para a filosofía é xa non unha tarefa senón un deber amosar as fendas posibles polas que ese poder totalizador pode ser descuberto e deslexitimado. Facendo uso da ontoloxía da diferenza, de herdanza heideggeriana, intentaremos amosar o posible acontecer dos pasados agochados e silentes, do deixado á marxe, do sometido e acalado, mostrando que tal é un paso previo necesario para a proxección dun futuro posible onde os “sen-parte” poidan, por fin, ter voz. Dende tal vagar pola historia dos vencidos, na cal o tempo concíbese como apertura e posibilidade, intentaremos ofrecer como conclusión unha noción alternativa de filosofía, onde esta se entenda como o traballo a partires do cal constrúese un “pensamento en común pensando no común”, alén da lóxica do autor -e autoritaria- do individualismo consumista contemporáneo. Todo o cal permitirannos acadar, finalmente, unha confluencia posible entre filosofía, política e democracia.