Crónica da mesa redonda Furia estratéxica para un tempo salvaxe?, no VIII Ciclo Escritores/as na Universidade

Desde o Diario da Universidade de Vigo:
Berta Dávila e Gonzalo Hermo son apenas dous mozos pero os seus nomes agroman con forza no novo panorama literario galego e fano, nada máis e nada menos, ca no eido da poesía, convencidos de que “a responsabilidade do poeta é histórica co seu tempo”. Baixo o título Furia estratéxica para un tempo salvaxe? participaron este xoves na segunda xornada do VIII Ciclo de Escritora/es na Universidade na Facultade de Filoloxía e Tradución.
A incidencia da situación económica e política no modo en que se concibe o discurso poético non pasou desapercibida para ningún destes autores e tampouco ningún dos dous quixeron pasar por alto a relación entre precariedade e poesía. Conscientes de que apostar pola poesía é “abrir unha frecha cara a incerteza”, subliñou Dávila, os dous o fixeron, e fixérono ademais en lingua galega “pois un non pode expresar a verdade se non é na súa propia lingua”.
Gañador do primeiro premio de poesía do Certame Xuventude Crea da Xunta de Galicia no 2010 por Crac, Gonzalo Hermo, que se referiu a si mesmo como un lector atento máis ca un poeta, fixo fincapé na súa intervención ao feito de que os “produtores non esquecemos nin queremos esquecer a cultura subalterna a que pertencemos”.
A visión de Hermo completouna a novelista e poeta Berta Dávila, gañadora dos certames Minerva de poesía (2005), Avelina Valladares (2007), Biblos de novela (2008), Johán Carballeira (2012) e Narrativa Breve de Repsol (2013), que afondou no papel do poeta, e sobre todo no do poeta en lingua galega, como un creador “valente e revolucionario”.
Unha xeración “perdida para que? perdida para quen?”
E como a cousa ía de poetas e de mozos, quen mellor para presentalos ca outro mozo poeta. Ben coñecido na Facultade de Filoloxía e Tradución, Xabier Xil Xardón, licenciado en Filoloxía Galega pola Universidade de Vigo e gañador de numerosos certames poéticos, entre outros o da propia Universidade, foi o encargado de introducir os relatorios. Na súa intervención falou de literatura, pero tamén de precariadade… “Como non facelo se son membro do que chaman a xeración perdida”, sinalou, “perdida para que? perdida para quen? Para incorporarse ao sistema económico, para incorporarse ao mercado de traballo…” salientou Xil Xardón, que remarcou como “inevitable” que a creación das novas xeracións estea marcada pola imposibilidade e as frustracións creadas por unhas expectativas de vida que se viron truncadas. “Non somos unha xeración perdida, sabemos quen somos e sabemos onde estamos. Queremos ser outra cousa e ademais queremos selo de xeito colectivo”, recalcou o poeta.”