Manuel Álvarez Torneiro: “Este premio cementa o idioma, recoñece o valor dunha lingua”

Entrevista a Manuel Álvarez Torneiro en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Agardaba por este galardón?
– Manuel Álvarez Torneiro (MAT): Sabía que estaba aí na grella de saída pero que era moi difícil que mo deran nun ano no que había tantos poemarios bos en castelán, e tamén en catalán. Que premiaran un poemario en galego era imprevisible. Este é o primeiro libro en galego que recibe o Premio Nacional de Poesía. Isto vai ser un toque de atención moi importante.
– LVG: En que sentido?
– MAT: Este premio cementa o idioma e recoñece o valor dunha lingua. Isto é moi importante para o galego, para a nosa lingua. (…)
– LVG: Que ten de especial este poemario para ser tan recoñecido por todos?
– MAT: Foi publicado no momento xusto, responde a temas do día a día, camiñou pola senda de moitos e fixo unha viaxe responsable. Este libro non é un produto estándar, nin frívolo, nin lúdico, nin simplista. Incide nunha realidade que é tan persoal como plural. Foi escrito (non sempre ocorre) para entendernos, con ese acento eu diría rigorosamente humano, lembrando un dos meus títulos máis felices. (…)
– LVG: De que escribe?
– MAT: Da memoria, xa non temos outra cousa. Os ángulos da brasa é un libro de memoria, que é un tema moi presente na miña poesía, xunto co amor ou a paixón. A memoria é o mellor argumento dos mellores poemas, aí está a ledicia, a tristura, o amor, a amizade… Os recordos son como as musas que veñen a botarme unha man á hora de escribir. (…)
– LVG: Qué lugar ocupa a poesía na literatura?
– MAT: A poesía é un xénero de rango superior, hai que procurar que sexa en todo momento iso, senón non é poesía.”