Desde La Voz de Galicia:
“As tres institucións de Galicia, Cataluña e o País Vasco vinculadas ás linguas propias e a cultura das súas respectivas comunidades formularán unha reivindicación conxunta en contra dos recortes do Ministerio de Cultura, que reduciu considerablemente a súa achega económica ás tres entidades. A Real Academia Galega, o Institut d’Estudis Catalans e a Academia da Lingua Vasca e Sociedade de Estudos Vascos farán fronte común a prol da cultura e para tratar de mellorar as partidas económicas que reciben do Goberno central, en diminución progresiva dende hai xa dous exercicios.
«Queremos realizar unha acción conxunta ante a opinión pública», adiantou onte o presidente da Academia Galega, Xesús Alonso Montero. Esta semana, durante unha viaxe a Barcelona para participar nun seminario sobre Rosalía de Castro, Alonso Montero abordou a cuestión con Joan Doménec, presidente do Institut catalán, e aínda está pendente de obter unha resposta definitiva do seu homólogo da Academia vasca.
«O noso obxectivo é levar a cabo unha acción en Madrid das tres academias para transmitir dous argumentos. O primeiro, a nosa protesta porque a cultura aparece cada vez máis reducida economicamente, que é a que está a pagar os pratos rotos desta situación de crise. E o segundo, os problemas de financiamento das nosas institucións, que tamén son parte da cultura, aínda que o que nos parece máis grave é o que se está a facer coa cultura en xeral», explicou onte Alonso Montero.
En outubro pasado coñeceuse unha redución dun 20 % da asignación do Ministerio de Educación y Cultura á Real Academia Galega para o 2014. A cantidade que o Goberno central destinará á institución galega cae de 341.000 euros no presente ano ata os 273.070 para o vindeiro exercicio. Esta diminución chega despois de que no 2013 a achega do ministerio se reducise á metade, un recorte que tamén afectou ás entidades catalá e vasca nunha medida semellante.
Para a Real Academia Galega, a asignación do Goberno central representa máis dun terzo do total do seu orzamento no actual exercicio. Pola súa banda, a Xunta manterá no 2014 unha partida de 575.000 euros.”