A Real Academia Galega, a Euskaltzaindia e o Institut d’Estudis Catalans reivindican o plurilingüismo como un patrimonio común

Desde a Real Academia Galega:
“A Real Academia Galega, a Euskaltzaindia e o Institut d’Estudis Catalans fan pública a declaración dispoñible nesta ligazón coa intención de contribuír a aclarar o debate público acerca da presenza das linguas na educación e no conxunto da realidade social. Nela advirten que, para asegurar o seu futuro en condicións de normalidade, o galego, o éuscaro e o catalán “precisan dunha presenza reforzada no sistema educativo, que de ningunha maneira redundou nin vai redundar en menoscabo da competencia en castelán”. “O Estado español debe considerar a diversidade lingüística como unha riqueza que cómpre preservar e non como un problema que hai que suprimir”, defenden na primeira declaración conxunta da súa historia. Os tres organismos con responsabilidades oficialmente recoñecidas na defensa e promoción dos idiomas que representan reivindican o seu papel asesor das institucións do Estado e decláranse dispostos a contribuír a “unha deliberación pública informada e racional, en beneficio do respecto mutuo e da convivencia entre as comunidades lingüísticas”.
As institucións asinantes entenden que, en coherencia co principio de autonomía, o réxime lingüístico do sistema educativo nas comunidades con idioma propio recoñecido oficialmente debe ser competencia exclusiva de cada unha delas, e que este “debe estar orientado a garantir unha competencia plena e igual en cada unha das nosas linguas e do castelán”. Porén, malia recolleren as regulacións autonómicas este obxectivo, a competencia en castelán está plenamente garantida polos distintos modelos que foron aplicados, mais non todos eles garantiron o mesmo fin para o catalán, o éuscaro e o galego. “Como demostran tanto os estudos e as avaliación máis solventes coma as diversas experiencias nas comunidades autónomas que teñen algunha destas linguas como propia, para asegurar o seu futuro en condicións de normalidade, o catalán, o éuscaro e o galego precisan dunha presenza reforzada no sistema educativo, que de ningunha maneira redundou nin vai redundar en menoscabo da competencia en castelán”, salienta o texto.
A Real Academia Galega, a Euskaltzaindia e o Institut d’Estudis Catalans, como institucións asesoras dos poderes públicos en asuntos referentes ás respectivas linguas, reclaman ser consultadas polas institucións do Estado e póñense á súa disposición. “É o noso ánimo contribuír a unha deliberación pública informada e racional, en beneficio do respecto mutuo e da convivencia entre as comunidades lingüísticas e os/as falantes das diversas linguas do Estado español, un Estado que debe considerar a diversidade lingüística como unha riqueza que cómpre preservar e non como un problema que hai que suprimir”, conclúen.”

As academias galega, vasca e catalá, contra os recortes

Desde La Voz de Galicia:
“As tres institucións de Galicia, Cataluña e o País Vasco vinculadas ás linguas propias e a cultura das súas respectivas comunidades formularán unha reivindicación conxunta en contra dos recortes do Ministerio de Cultura, que reduciu considerablemente a súa achega económica ás tres entidades. A Real Academia Galega, o Institut d’Estudis Catalans e a Academia da Lingua Vasca e Sociedade de Estudos Vascos farán fronte común a prol da cultura e para tratar de mellorar as partidas económicas que reciben do Goberno central, en diminución progresiva dende hai xa dous exercicios.
«Queremos realizar unha acción conxunta ante a opinión pública», adiantou onte o presidente da Academia Galega, Xesús Alonso Montero. Esta semana, durante unha viaxe a Barcelona para participar nun seminario sobre Rosalía de Castro, Alonso Montero abordou a cuestión con Joan Doménec, presidente do Institut catalán, e aínda está pendente de obter unha resposta definitiva do seu homólogo da Academia vasca.
«O noso obxectivo é levar a cabo unha acción en Madrid das tres academias para transmitir dous argumentos. O primeiro, a nosa protesta porque a cultura aparece cada vez máis reducida economicamente, que é a que está a pagar os pratos rotos desta situación de crise. E o segundo, os problemas de financiamento das nosas institucións, que tamén son parte da cultura, aínda que o que nos parece máis grave é o que se está a facer coa cultura en xeral», explicou onte Alonso Montero.
En outubro pasado coñeceuse unha redución dun 20 % da asignación do Ministerio de Educación y Cultura á Real Academia Galega para o 2014. A cantidade que o Goberno central destinará á institución galega cae de 341.000 euros no presente ano ata os 273.070 para o vindeiro exercicio. Esta diminución chega despois de que no 2013 a achega do ministerio se reducise á metade, un recorte que tamén afectou ás entidades catalá e vasca nunha medida semellante.
Para a Real Academia Galega, a asignación do Goberno central representa máis dun terzo do total do seu orzamento no actual exercicio. Pola súa banda, a Xunta manterá no 2014 unha partida de 575.000 euros.”

Barcelona: mesa redonda sobre Cunqueiro e a cultura catalá

O xoves 15 de setembro, ás 19:00 horas, na Sala Prat de la Riba do Institut d’Estudis Catalans (Carrer del Carme, 47) de Barcelona, terá lugar unha mesa redonda sobre a figura de Álvaro Cunqueiro baixo o título de Cunqueiro e a cultura catalá, onde Pere Gimferrer, Jordi Garcia, Basilio Losada e Fernando Valls analizarán a vinculación do autor mindoniense con Catalunya. Salvador Giner e Ramón Villares presidirán o acto, enmarcado na celebración do centenario do nacemento de Cunqueiro.