Cuestionario Proust: Xosé María Álvarez Cáccamo

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Xosé María Álvarez Cáccamo:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
– O entusiasmo.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A xenerosidade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Unha boa comunicación.
4.– A súa principal eiva?
– A tendencia ao exceso.
5.– A súa ocupación favorita?
– A creación de poesía visual e obxectual.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Ideal e felicidade son conceptos demasiado monumentais. Sobardan as coordenadas da miña visión do mundo.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– A perda dun fillo.
8.– Que lle gustaría ser?
– Artista en París no tempo das vangardas.
9.– En que país desexaría vivir?
– Na Galiza liberada.
10.– A súa cor favorita?
– Certas tonalidades entre verde e azul.
11.– A flor que máis lle gusta?
– As cerdeiras en flor.
12.– O paxaro que prefire?
– A garza.
13.– A súa devoción na prosa?
– Valle Inclán.
14.– E na poesía?
– A lírica galegoportuguesa medieval.
15. Un libro?
Pedro Páramo.
16.– Un heroe de ficción?
– Guillermo Brown, o protagonista dos relatos de Ritchmall Crompton.
17.– Unha heroína?
– Alejandra, a protagonista de Rayuela.
18.– A súa música favorita?
– Beethoven.
19.– Na pintura?
– Antoni Tàpies.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Non sinto atracción ningunha por heroes nin heroínas da vida real. Non son reais.
21.– O seu nome favorito?
– Beatriz.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A indolencia.
23.– O que máis odia?
– O fascismo.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Franco.
25.– Un feito militar que admire?
– Son incapaz de admirar feitos militares.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– O da interpretación musical.
27. – De que maneira lle gustaría morrer?
– De ningunha maneira. Morrer é algo que non me gusta nada.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Un expectante estado de tranquilidade.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Os da xente a quen quero.
30.– Un lema na súa vida?
– Fago meu este lema de Jean Cocteau: «Conseguírono porque non sabían que era imposíbel.».”