Xabier López: “Para os lectores, o mundo reinvéntase en cada libro aberto”

Entrevista a Xabier López en Faro de Vigo, desde Xerais:
“(…) – Faro de Vigo (FdV): Vostede mesmo confesou que Cadeas é a súa novela máis arriscada e ambiciosa desde Doutor Deus. En que senso é arriscada e en que senso é ambiciosa?
– Xabier López (XL): Se emparello unha e outra novela é porque ambas as dúas obedecen a un “programa” estrutural singular, que as sitúa como textos, digamos, ao límite, tanto no fondo coma na forma. Nelas, ademais de contar ou intentar contar historias (a vocación dun narrador, á fin e ao cabo), maniféstase dalgunha maneira a problemática inherente á novelística toda: é en verdade a novela ese “espello no camiño” do que falaba Stendhal? (…)
– FdV: Coa obtención do Premio Xerais, copa vostede un bo feixe de premios conseguidos ata o de agora. Os premios son fundamentais para a boa saúde da literatura galega actual ou ben se podería prescindir dalgúns deles?
– XL: Ben, iso de “copar” non creo que sexa exactamente así. Certo que houbo temporadas da miña vida nas que houbo certa “acumulación” de premios, mais hai que pensar que xa levo máis de quince anos publicando. E nese tempo, como é de imaxinar, houbo de todo; novelas premiadas e outras que, a non levar premio ningún, obtiveron outro tipo de recompensas: lectores, traducións a outras linguas… Polo demais, creo que os premios literarios son estímulos tan bos coma calquera outros para a promoción dun escritor e, por extensión, do sistema literario onde se inscribe. Faltan, iso si, máis axudas a un sector, o editorial, obrigado a ver como os poderes públicos se esquecen de que as industrias culturais xeran tanta riqueza ou máis que outras que si merecen de vello a súa atención. Para cando, poño por caso, un plan “Pive” para o mundo do libro e a lectura?
– FdV: Cando vostede gañou o Xerais, declarou que Cadeas reflectía ese obxectivo seu de que a literatura “comezando pola forma, é ou debe ser sempre algo máis”. “Algo máis” que? É que acaso, salvo contar novas historias, queda algo por inventar en literatura?
– XL: Nada queda por inventar, certo. Pero os lectores sabemos que o mundo se reinventa con cada libro novo que abrimos. Sobre todo naqueles que nos teñen por suxeitos activos.”