Cuestionario Proust: Pedro Feijoo

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Pedro Feijoo:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
– Dubitativo, creo. Ou non. Bueno, si. Non, agarda. Si. Non. Mmm, non sei.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A bonhomía.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Que estean aí, que non é pouco…
4.– A súa principal eiva?
– Teño tantas e tantas, que nin para escoller unha me podo poñer de acordo…
5.– A súa ocupación favorita?
– Escribir.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Ter con quen compartir a vida.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Non ter con quen compartir a vida.
8.– Que lle gustaría ser?
– De momento estou en prácticas, e aínda vou cun «L» ás costas, pero algún día gustaríame ser escritor.
9.– En que país desexaría vivir?
– Nunha ponte entre Galiza e Cataluña.
10.– A súa cor favorita?
– Todas as que amosa o mar.
11.– A flor que máis lle gusta?
– Unhas que crecen no noso xardín de Cabrera de Mar, que non sei como se chaman, pero que arrecenden a sugus de laranxa…
12.– O paxaro que prefire?
– Todos os anos, coa chegada da primavera e desde xa non recordo cando, viña visitarnos unha parella de bubelas. Estou seguro de que sempre era a mesma parella. O ano pasado só veu un dos dous paxaros. E entón decateime de canto, de cantísimo, me gustaban eles, os dous paxaros xuntos. Nunca máis volveu máis que un.
13.– A súa devoción na prosa?
– Suso de Toro.
14.– E na poesía?
– Rosalía, por suposto
15.– Un libro?
– Só un!? Pero iso pode facerse!!!???
16.– Un heroe de ficción?
– Alvy Singer.
17.– Unha heroína?
– Non, grazas. Era un vicio moi feo, e agora estouno deixando.
18.– A súa música favorita?
– Aquela que no seu momento me fixo vibrar, chorar de emoción, saltar, berrar.
19.– Na pintura?
– Titanlux.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Coa que está caendo, evidentemente todas e cada unha das persoas que seguen adiante coas súas vidas, máis alá de todo o que contra eles pretenda facer este desencanto masivo e omnipresente que nos quere sitiar.
21.– O seu nome favorito?
– Benigno (e se vén acompañado de «Extirpable», mellor que mellor…).
22.– Que hábito alleo non soporta?
– Que me fagan máis de vinte e unha preguntas…
23.– O que máis odia?
– Non, home. O odio é un sentimento demasiado pesado, ocupa moito, cansa, e inda por riba non adelgaza. Odiar non compensa.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Calquera das moitas que non souberon ver a grandeza humana. E o Coronel ese do Kentucky Fried Chicken, tampouco vaias pensar que este me cae demasiado ben, sempre con ese risiño nos beizos… De que raio está a rir o tipo este?
25.– Un feito militar que admire?
– Que aínda sigan pensando que a súa «Intelixencia (Militar)» existe. Iso si que é moral, rapaces…
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Mmm, creo que era unha boa memoria, pero agora non o lembro…
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– A Virxe! Pero non eramos amigos? Co ben que iamos…
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– A tristura disimulada baixo un torrente de respostas máis ou menos simpáticas.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Non facéndolle mal a ninguén, todos.
30.– Un lema na súa vida?
– Ad astra per aspera.”