Especial sobre Xosé María Díaz Castro no Diario Cultural da Radio Galega

Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“O pasado xoves día 2, primeiro día hábil do ano, o Diario Cultural da Radio Galega dedicou a súa emisión á figura de Xosé María Díaz Castro, sobre a que levou a cabo un programa monográfico no que, amais do recitado de poemas de Nimbos na voz do propio poeta e a inserción de opinións sobre a importancia da súa figura expresadas por diversos autores, desenvolveuse un amplo faladoiro no que participamos a profesora e investigadora Carmen Blanco, o estudoso e responsable da Asociación Cultural Xermolos Alfonso Blanco Torrado e mais eu.
Por espazo de case tres cuartos de hora, tivemos ocasión de repasar algún dos principais trazos definitorios da súa obra, aclarar certos episodios biográficos e mesmo poñer á audiencia na pista das actividades de divulgación e recuperación da súa figura que se concretarán neste 2014, oficialmente declarado pola RAG como Ano Xosé María Díaz Castro, pois a el se dedicará o vindeiro Día das Letras e tamén este próximo 19 de febreiro celebraremos en Guitiriz a grande festa do seu centenario de nacemento, os actos da cal están xa a se preparar.
Podedes oír todo o que alí falamos clicando aquí. Beizóns aos amigos da Radio Galega e, moi especialmente, a Xiana Arias, quen conduciu inmellorablemente un faladoiro que se converteu, pola data de emisión, no primeiro evento diazcastriano do ano.”