Anxos Sumai: “Nestes tempos, as persoas están disociadas e a sociedade, esquizofrénica”

Entrevista de Alberto Ramos a Anxos Sumai en Praza:
“(…) – Praza (P): Unha primeira pregunta de periodista folgazán. Como definiría A lúa da colleita?
– Anxos Sumai (AS): É un libro que ten máis lecturas das que fun consciente mentres a escribía. Cando a traballaba, pretendía mostrar unha concepción holística do ser humano, coas súas partes de sombra e as súas partes de luz. E despois do escrito, decateime de que ía reflexionando sobre moitos temas que me interesaban, que me preocupaban… Definilo con maior concreción cústame moito. Tería que escribir un libro enteiro para explicalo. [Ri] (…)
– P: Estamos disociados?
– AS: Estamos disociados en moitos casos. O que busco retratar aquí, levando situacións ao extremo, pouco ten que ver coas persoas con enfermidades mentais. O que procuro falar é de todo o mundo e sobre como todos sufrimos este tipo de disociacións. Por iso Nuria precisa parar e pensar no que se escindiu dentro dela. Eu non intento falar dunha enfermidade psiquiátrica, senón de como somos todos e todas. Vivimos dun xeito tan acelerado que nin nos concedemos ese último momento do día para parar e pensar. Imos ás carreiras e, cando nos decatamos, que nos queda por vivir? Nada. Son as circunstancias do momento actual. Nestes tempos, as persoas están disociados e a sociedade, esquizofrénica. (…)
– P: Nunha entrevista no Zig Zag afirmaba que vostede escribía moito, pero publico pouco. Por que agardou cinco anos entre a súa primeira novela, Así nacen as baleas, e esta segunda?
– AS: Non tiña nada que dicir, nada que fose necesario contar. Eu escribo moito, sigo escribindo relatos en libros colectivos e esas cousas… Pero algo que tivese a entidade dun libro meu? Non tiña nada que contar. Para que facelo? Para que forzar? Eu non teño que publicar un libro cada ano. Por sorte ou por desgraza non vivo de escribir. Malia que me gustaría vivir de escribir nestes tempos, teño un traballo marabilloso. Pódome permitir ser moito máis selectiva. Publico só o que me apetece, son moi autocrítica, quizais excesivamente autocrítica… É que non tiña nada que escribir, é absurdo. [Ri] Eu estiven publicando moito na primeira década do século, na radio, en Anxos de Garda, na prensa, etc. Cheguei a ser consciente de que me estaba aborrecendo a min mesma, a miña forma de escribir xa non me valía, estábame a repetir constantemente. Non tiña nada especial que contar, foi unha vertixe. Había que parar, cumpría pensar. (…)”