José María Durán Medraño gaña o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio

Desde o blogue de Galaxia:
“A obra Da natureza de escritores, artistas e vermes. Ensaio sobre o pracer do traballo nun diálogo con Karl Marx, da que é autor José María Durán Medraño, resultou gañadora do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2013, que organizan conxuntamente a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e Editorial Galaxia coa colaboración de Gas Natural-Unión Fenosa. A xuntanza do xurado realizouse hoxe, día 21 de xaneiro de 2014, ás 11:00 horas, no Centro Ramón Piñeiro, en Santiago de Compostela. O ensaio premiado nesta oitava edición do Premio Ramón Piñeiro, que está dotado con 3.000 euros ha ser publicado por Editorial Galaxia o durante este ano.
O xurado valorou moi especialmente a orixinalidade do tema e do seu enfoque, que afronta un asunto de actualidade e abre unha reflexión nova sobre a concepción do traballo na sociedade contemporánea. O autor establece un vencello entre a teoría do valor do traballo e o pracer, empregando as achegas recentes do pensamento para subliñar a dimensión creativa e estética do traballo, ademais da social. O xurado recoñece así os méritos dunha obra na que se valorou tanto a exposición e a análise das ideas, como o rigoroso labor de argumentación dun ensaio escrito desde unha prespectiva orixinal e provocadora.
O xurado, que concedeu o premio por maioría, estivo formado por Luís Alonso Girgado, Marilar Aleixandre, Xaime Subiela, Dolores Vilavedra e Carlos Lema, como secretario con voz e voto, salientou a calidade dos trece orixinais presentados, así como a variedade de temas abordados neles.”