Miguel Anxo Fernán-Vello: “Eu aplico o maxisterio de Gabriel Celaya: o poeta está obrigado a dar voz aos vencidos”

Entrevista de Montse Dopico a Miguel Anxo Fernán-Vello en Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): Pasara xa bastante tempo desde Astro interior. En Habitación do asombro podemos ver boa parte das que foran xa as inquedanzas que reflectiras nos teus anteriores poemarios. É Habitación do asombro unha escolma de poemas escritos, entón, nos últimos anos?
– Miguel Anxo Fernán-Vello (MAFV): Astro interior era un volume de case cincocentas páxinas que escolmaba a miña obra poética entre os anos 1984 e 2007, publicado na colección Arte de Trobar do Pen Clube de Galicia, con edición e introdución de Teresa Seara. Habitación do asombro ve a luz no ano 2013 e naceu como libro en si mesmo, de xeito autónomo, dende as sombras do meu propio abismo, como diría Rubén Darío. Na actualidade teño varios libros de poemas inéditos, todos eles escritos nos últimos anos, libros entre si distintos, mais formando parte da miña poética profunda, en evolución e en expansión.
– MD: Unha lectura global do poemario suxire un escenario de devastación, que poida que teña que ver co que ocorreu, precisamente, nos últimos anos: o desmantelamento de dereitos… Pode ser?
– MAFV: Pode ser, si. Eu en certa maneira estou de acordo con Roberto Juarroz cando afirma que a poesía é realidade, “a maior realidade posíbel”, e ao mesmo tempo coincido con Antonio Gamoneda cando contempla o fenómeno poético como unha emanación da propia vida. Habitación do asombro, e así outros libros meus recentes, é o resultado dunha tensión existente entre o concreto e o abstracto, e de aí pode nacer unha sorte de “realismo simbólico”, unha forma de fractura do real, mais eu entendo o poema como unha “situación psíquica” que comparte —a idea é de Seamus Heaney— o impulso lírico e a responsabilidade cívica. Ou, dito doutra maneira —e non lembro agora o autor desta sentencia—, a poesía debe cumprir unha trigonometría: racionalidade, emotividade e ideoloxía. (…)
– MD: En relación con iso, hai retratos de mulleres en todos os teus libros, desde os primeiros poemarios eróticos. Mais, en xeral, o xeito de presentalas foi mudando. Rosalía e Emily Dickinson son mulleres “libres”. Como foi transformándose o teu enfoque sobre isto?
– MAFV: Unha cousa é a educación, sentimental e literaria, recibida na década dos anos 60 e parte dos anos 70 do século pasado e outra a evolución individual e intelectual que posteriormente se foi producindo no home e no poeta. A un doíalle, como no verso de Borges, unha muller en todo o corpo, e o home e o poeta seguen na actualidade sentindo unha forte atracción, en forma de admiración e de reverencia, pola muller.
O machismo, o sistema patriarcal, toda forma de dominio do home sobre a muller, toda estrutura de superioridade sexista son para min formas de barbarie. Eu lin con gran interese, mesmo antes do meu ingreso na universidade, a Virginia Woolf, Simone de Beauvoir, Betty Friedman e Hélène Cixous, entre outras autoras e pensadoras feministas, e mesmo como editor —permíteme lembralo— síntome moi orgulloso de ter editado un libro capital, Feminismo e coñecemento. Da experiencia das mulleres ao ciborg, de Carme Adán. (…)”