Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Antía Otero:
«1.– Principal trazo do seu carácter?
– A intuición
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A xenerosidade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Sinceridade e xenerosidade…, mais tamén sei que ás veces agardar o mellor dos demais é arrogante.
4.– A súa principal eiva?
– A elevada autoesixencia.
5.– A súa ocupación favorita?
– Ler e escribir.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Non creo nos estados ideais en canto á felicidade. Creo máis en sacarlle o zume a aqueles polos que transitamos, aínda sendo moito máis difíciles.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Non ter nada polo que ilusionarme e ninguén con quen compartir as ilusións.
8.– Que lle gustaría ser?
– A mellor versión de min mesma.
9.– En que país desexaría vivir?
– No mesmo no que vivo. Con moitos cambios, iso si.
10.– A súa cor favorita?
– Tódolos azuis.
11. – A flor que máis lle gusta?
– Esas primeiras rosas do ano que me regala a miña avoa Rosalía e que ten na súa horta.
12.– O paxaro que prefire?
– O cuco cando teño a sorte de escoitalo.
13.– A súa devoción na prosa?
– A devoción é algo que se vai alimentando e repártese pouco a pouco entre libro e libro. A miña é moi variada. Dende David Foster Wallace, Boris Vian ou Unica Zürn ata Samuel Solleiro e Marcos Calveiro.
14.– E na poesía?
– Dende Baudelaire a Sharon Olds, Xela Arias e Ana Romaní.
15.– Un libro?
– Aquel que aparece cando máis o preciso.
16.– Un heroe de ficción?
– Sempre fun máis dos antiheroes
17.– Unha heroína?
– Pentesilea.
18.– A súa música favorita?
– A que trata de non repetir e colócase na vertixe.
19.– Na pintura?
– A que sae do marco e expándese.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– A miña avoa e o meu avó… (se virades todo o que fan e como afrontan a vida coa idade que teñen… entenderíadelo).
21.– O seu nome favorito?
– O que vai ter a miña filla.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A prepotencia.
23.– O que máis odia?
– Os prexuízos e o patriarcado.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Os ditadores, os que se reencarnan en ditadores e os que soñan con selo.
25.– Un feito militar que admire?
– Militar?… Ningún.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Creo máis no traballo continuo que nos don(s).
27. – De que maneira lle gustaría morrer?
– Na casa. Durmindo e sen enteirarme de nada, despois de cear con moita fame, beber con moita sede e rir con moitas ganas.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Fun aprendendo a abandonar a melancolía e acollerme aos estados creativos.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Os que non teñen mal fondo.
30.– Un lema na súa vida?
– Anque estou completamente en contra da caza, gústame o significado deste: “Non gastes pólvora fina en pardais”.”