Entrevista de Marcos Pérez Pena a Armando Requeixo en Praza:
“(…) – Praza (P): As Letras serven todos os anos para afondar no coñecemento que temos sobre un autor ou para descubrir novas facetas. Que imos descubrir sobre Díaz Castro neste ano? Que descubriches ti?
– Armando Requeixo (AR): Penso que este Ano Díaz Castro ha servir para que todos nos acheguemos á figura do escritor cunha ollada renovada. En primeiro lugar, porque se han descubrir moitos socalcos biográficos que eran pouco coñecidos ou que simplemente se ignoraban. Logo, porque a maior parte da súa obra poética en galego permanecía ou inédita ou sen compilar, así que os versos que del circulaban eran, case exclusivamente, os contidos en Nimbos e, sobre todo, o arquifamoso “Penélope”. Na miña monografía tentei profundar neses dous aspectos: ofrecer a primeira biografía documental completa do escritor e, amais, describir e presentar analiticamente a totalidade da súa produción, tanto édita coma inédita. (…)
– P: De igual xeito, que nos conta a súa obra sobre a historia da literatura galega nesas décadas?
– AR: Coido que Díaz Castro é un outsider, un autor fóra de calquera escola, un creador singular cunha estética única e, nese sentido, marca un fito fundamental na Historia da Literatura Galega do pasado século, pois o seu lirismo transcendente, de dicción clásica e íntima, o humanismo telurizado e a visión da Terra nosa e a súa circunstancia convérteno nunha voz irrepetible.
– P: Como era Díaz Castro como persoa? Como era á hora de crear, na súa relación coa literatura?
– AR: Díaz Castro era unha persoa cunha formación e unha cultura admirables. Era, amais, moi educado, discreto, naturalmente prudente e moi amigo dos seus amigos. Amosouse sempre alleo aos fastos da vida pública literaria, non lle interesaban en absoluto os recoñecementos sociais ou os feiróns culturais. O seu era o traballo solitario do creador, labrar pouco e pouco os seus textos como quen talla un diamante, conseguir tirar deles o fulgor da súa cerna, pois era moi perfeccionista e tremendamente consciente no proceso da escrita, que coidaba ata o último detalle tanto no lingüístico coma no estético. (…)”