Entrevista de Carme Vidal a Armando Requeixo en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Como comezou o interese por Díaz Castro que o levou mesmo a dedicarlle a súa tese de doutoramento?
– Armando Requeixo (AR): A primeira memoria que teño de ler textos de Díaz Castro foi no vello COU ou mesmo no inicio da carreira. Eran algúns poemas de antoloxías e fascinoume pola súa profundidade. Tratábase dunha poesía con moi poucos elementos aparentes que conseguía enraizar até os abismos, unha depuración extrema, un lirismo moi puro. Chamoume poderosamente a atención. De primeiras non coñecía ao autor e cando me fun interesando pola súa figura descubrín que a diferenza doutros líricos puros como Pimentel ou un certo Cunqueiro, non había moitos traballos críticos arredor del. Tiñamos achegas de interese mais non era un autor sobre o que houbera unha bibliografía extensa. Pareceume un reto bonito afondar no seu coñecemento. Tiña noticia por algún dato e un traballo de Alfonso Blanco que había textos do autor que non estaban en circulación, que eran materiais por recuperar, e pensei que era a escusa que precisaba para afrontar un traballo maior como é dedicarlle un traballo de doutoramento e facerlle xustiza ao poeta. Un clásico, con poemas emblemáticos na nosa historia literaria, merecía un traballo de investigación que, modestamente, contribuíse a canonizalo. (…)
– SG: Pola contra, desde dentro tentaban animalo a participar no ámbito literario. Vostede destaca o papel de Fernández del Riego no nacemento de Nimbos.
– AR: Unha das súas sortes foi a xente que cruzou nos seu camiño. Tivo a fortuna, por exemplo, de topar con Aquilino Iglesia Alvariño cando estaba no seminario de Mondoñedo que foi para el unha sorte de irmán maior, que o animou a presentarse aos Xogos Florais e a continuar no mundo literario. Aquilino dille a González Alegre que o convide a participar na revista Alba e grazas a iso del Riego detecta un poeta inmenso. Se non se tiveran cruzado na súa vida Del Riego, Piñeiro e Carvalho Calero a súa traxectoria sería distinta. Conseguiron sacar Nimbos case con forceps. Hai todo un epistolario arredor da publicación de Nimbos e, as primeiras cartas nas que o animan a publicar son do 1955 e mira o que tardaría en saír o libro. (…)
– SG: Referencia moita obra inédita que é este ano verá a luz. Deixará Díaz Castro de ser o poeta de Nimbos?
– AR: A obra publicada supón, cuantitativamente, unha sétima parte da súa poesía en galego. Publicou en libro 32 poemas e escribiu máis de douscentos. Ten unha explicación, boa parte deles pertencen a dous poemarios de preguerra, obra de mocidade, dun primeiro Díaz Castro de 19 ou 20 anos e non é a voz que coñecemos por Nimbos. Non tiña a mesma experiencia vital de cando publica con 47 anos. Eses dous poemarios non son menores, mais hai que valoralos á luz do contexto literario do seu tempo. Poden estar á altura de Do ermo de Noriega Varela, Codeseira de Crecente Vega ou Señardá de Iglesia Alvariño. En ambos libros hai exemplos de calidade e logo están os poemas de Díaz Castro, algún de moito interese coma a “Oración polos tolos” que publicou en Alba e non me dou explicado a razón de non ter introducido en Nimbos porque está á altura de calquera dos poemas do libro. O valor da Poesía Galega Completa vai ser unha radiografía integral do Díaz Castro na que se verá a dimensión dos seus ensaios poéticos ate os poemas de recollida dos últimos anos da súa vida. Hai un poeta en distintos momentos do seu periplo autorial coas diferentes poéticas. (…)