Xavier Seoane: “A poesía do último medio século precisa unha hermenéutica máis afinada que arrebole clixés”

Entrevista de Montse Dopico a Xavier Seoane en Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): Comexa xa o libro [Espiral de sombras] con títulos que conteñen termos como derrota e destrución. Hai un eu colectivo definido como “estirpe morta”. “Somos os fillos da eiruga señorial/ e a vara clientelar/ do cacique e o raposo”, di a voz poética. Todo o libro pode interpretarse, así, como unha historia de Galicia en clave épica. Era a idea?
– Xavier Seoane (XS): Quizais antes debería dicir que a poesía non é unha actividade plenamente transparente, cartesiana, cristalina… Por iso, o que eu poida dicir sobre o meu libro non deixará de ser unha certa impostura: unha reflexión racional, conceptual, sobre algo que nace de instancias agachadas da nosa psique, que o propio poeta, como calquera persoa, descoñece. E eu creo que neste libro non é precisamente escasa a afluencia do subconsciente, do instintivo… Teño a sensación de que hai moito elemento simbólico, mítico, irracional, catártico, emotivo, intuitivo… cuxa descodificación se me escapa. Por iso creo que o libro pode ter moitas lecturas.
Que trata do país, da súa historia, da súa (chamémoslle así, se é que iso existe e pode ser nitidamente perceptible) “identidade”, dos seus mitos e soños, da súa fisicidade natural, atlántica e antiga, da súa cultura, de elementos arqueolóxicos e etnográficos do seu vivir, da súa cultura popular, da dura aculturación que sufriu … é evidente. Entre outras cousas, porque eu vivo aquí, e todo penetra nun desde cativo, ou, se queremos crer no do “subconsciente colectivo”, a través do legado que nos dan no paquete xenético e vital.
Que tamén, no libro, hai, creo, bastante do que podiamos chamar arcano e auroral, e en certo modo cósmico ou cosmogónico. Pero eu creo que tamén hai moitas outras cousas. Creo que está o malestar recente polo modo en que se está realizando o proceso de globalización, ese triunfo deshumanizador do neoliberalismo, esa destrución de tantos logros históricos, sociais e culturais… E creo que tamén hai moito de min mesmo. De vivencias directas ou indirectas. Dos meus. Elementos, vivencias ou lembranzas puramente persoais E outras que proceden da experiencia tanto física como inmaterial do lugar e da cultura que un vive…. O que pasa é que me dá a sensación de que na recepción do libro vai prevalecer, con moito, a visión que ti mesma recolles e expós. (…)
– MD: Tampouco deixas de apuntar ao presente. Ao poder “da gravata rosa/ e os ollos pitoños”. Hai, neste sentido, neste poemario, con respecto aos teus anteriores, un sentido de fondo máis político? Pode que haxa unha conciencia, en poetas da túa xeración, da necesidade actual de facer máis explícitas este tipo de cuestións?
– XS: Toda a actividade humana é en boa parte filla do genius loci, é dicir, das influencias do lugar, e do zeitgeist, do espírito do seu tempo, do momento que se vive. A contrarrevolución “conservadora”, marcadamente autoritaria e retardataria, que estamos vivindo, e a crise absoluta de valores que arrastra (sociais, políticos, morais, culturais…), así como o intento de reducir o individuo a un mero produtor, a un suxeito movible e desarraigado, están a incidir na creación cultural do noso momento. Non é unha cuestión xeracional nin dunha arte concreta.
Abrangue de cheo, pola súa gravidade e transcendencia, o noso momento. Canto á cuestión xeracional que me preguntas, confeso que, malia a pertencer a unha gran xeración de poetas, adianto que non creo demasiado nas xeracións. Creo que as persoas que tenden a obsesionarse con estas cuestións son en xeral as que menos saben ou teñen que dicir poeticamente. A min, que procuro achegarme ao que me guste, veña de onde veña e de quen for, o que me atrae é ir directamente aos textos, concretos, contantes e soantes, e aos autores como tales. O das xeracións é unha convención necesaria para certas cuestións de estudo, de organización, de clasificación… Mais eu confeso ser moi huxleiano. Prefiro ir aos textos: aí é onde está, fenomenicamente, todo. O resto… quizais é o que chamamos, ou alomenos Verlaine, literatura. (…)”