Rianxo: Obradoiro de poesía erótica impartido por María Lado, os sábados 15, 22 e 29 de marzo

Desde o Concello de Rianxo:
“Dentro da programación do Ferve a Lingua, organizado pola Área de Educación, Cultura e Normalización Lingüística vai desenvolverse un Obradoiro de Poesía Erótica, impartido por María Lado no Centro Sociocultural-Auditorio de Rianxo.
Terá lugar os sábados 15, 22 e 29 de marzo das 10:30 ás 13:30 horas.
No obradoiro preténdese achegar aos participantes á escrita de poesía e, concretamente, de poesía erótica a través de exercicios lúdicos que aporten ferramentas para a escrita, como son os chamados “disparadores” (ferramentas que facilitan o inicio da escrita).
O obxectivo é que os participantes coñezan e escriban poesía erótica, partindo da práctica da escrita e tamén da lectura de modelos que empregaremos como punto de partida, xa sexa a través da copia, a reinterpretación, a transformación, contraposición… etc.
Tamén se fará lectura dos textos dos participantes e o seu comentario entre todos, de maneira que adquiran a noción da importancia da crítica. Finalmente a través da lectura dos textos propios traballarase tamén cos participantes a lectura en público, as ferramentas das que dispoñemos para facelo e o resultado que procuramos no espectador. Esta parte preparatoria da lectura en público está baseada en exercicios sinxelos inspirados na práctica teatral e na oratoria. procúrase, ante todo, descubrir e respectar o estilo propio de cada participante.

Se estás interesado/a en participar, tes ata o 14 de marzo ás 14:00 horas para inscribirte, cubrindo a ficha de inscrición na seguinte ligazón: Ficha de inscrición Obradoiro Poesía Erótica. Máis información en cultura@concelloderianxo.es”