Xosé Monteagudo: “O ideal para o poder é que quen sofre os recortes os xustifique como necesarios”

Entrevista de Montse Dopico a Xosé Monteagudo en Magazine Cultural Galego:
“- Montse Dopico (MD): O libro [O curioso mundo das persoas normais] baséase nun feito real. O caso dun home que vivira toda a vida nun hospital. O que ti escolles é, a partir desta idea, tentar comprender o noso mundo desde fóra del para evidenciar, se cadra, o absurdo que pode ser o que nos parece normal. Era esa a idea de partida?
– Xosé Monteagudo (XM): A idea de partida era a de contemplar a realidade desde un ángulo diferente. Esa posibilidade foi o que me atraeu da noticia. Pero non comecei a escribir a novela cunha idea predeterminada sobre o que ía contar e menos aínda que no seu conxunto se puidese extraer do relato a idea de que a realidade ten moito de absurdo. Creo que para un escritor non é bo coñecelo todo sobre a realidade que vai retratar. Estou convencido de que os apriorismos réstanlle vida propia á ficción. O escritor, cando escribe, tamén descobre. É algo que sempre teño moi presente. Tamén nesta novela, onde eu fun descubrindo a través dos ollos de Tomás, o personaxe, a realidade que lle tocou vivir e saquei con el as miñas propias conclusións. (…)
– MD: O protagonista abúrrese a primeira vez, e a única, que pasa unha fin de semana fóra do hospital. E o que observa é que as persoas normais están atrapadas, máis pechadas ca el. E crecentemente necesitadas de tranquilizantes. Se cadra este é o miolo da novela: apuntar a como vivimos pendentes de cousas absurdas. É así? En que sentido?
– XM: Probablemente eu, como autor, son a persoa menos indicada para contestar á pregunta de cal é o miolo da novela. Moitas veces os lectores fan unha interpretación das miñas novelas que non se corresponde coa visión que eu tiña do texto mentres o escribía. Pero esa interpretación do lector é tan válida coma a miña, e seguramente estará moito máis atinada ca a que eu teña. Porque o lector non está condicionado na súa interpretación por ideas previas e o autor, si. O lector ve o que hai no texto. O autor non pode deixar de ver o que quixo que houbese. Así que contestando á túa pregunta, a miña intención, á cal responde o propio título da novela, era suscitar no lector unha reflexión sobre a realidade dándolle un punto de vista diferente desde o cal contemplala. Que a conclusión a esa perspectiva que eu ofrezo sexa a que ti apuntas ou outra diferente, creo que non me corresponde a min afirmalo.
– MD: No estilo, hai certas conexións tamén coas novelas anteriores. A sinxeleza é un dos trazos. Que é o que procuras, cando concibes o estilo das obras?
– XM: Non sei moi ben o que é a sinxeleza en literatura. Sobre todo se trato de definila en relación co seu oposto. O contrario de sinxelo é complicado? Especificamente se falamos do estilo, ese contrario pode ser rebuscado, ampuloso, rechamante? De ser así, o meu estilo é certamente sinxelo. Aínda que eu prefiro falar de transparencia. O mellor estilo para min é aquel que non se interpón entre o lector e a historia. A credibilidade literaria dun relato creo que se esvaece se o estilo non se axusta ao que conta. E iso sucede tanto por exceso coma por defecto. O que procuro sempre é o lector se somerxa no relato e que avance na lectura da novela sen tropezar a cada paso coas palabras ou coas frases. O que dicía Flaubert do estilo, xustamente. Por suposto, conseguir iso, ou tratar de conseguilo polo menos, paréceme a tarefa máis difícil. Esixe corrixir moito e sacrificar ás veces frases máis brillantes pero menos efectivas para o desenvolvemento do relato. Alén do ritmo do fraseo, o que procuro en cada novela é dotar o narrador de personalidade de seu, dunha entidade que sen decatarse se grave na memoria do lector. (…)”