María Reimóndez: “Constrúese a identidade das mulleres para crear desafección cara ao discurso feminista”

Entrevista de Montse Dopico a María Reimóndez en Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): Moda galega foi un dos teus primeiros libros. Por que decidiches volver a el?
– María Reimóndez (MR): Foi o meu primeiro libro publicado, hai xa dez anos. O de volver a el foi por unha confluencia de dúas cousas. O Moda galega inicial é un libro especial para min, claro. Pero ademais segue estando vivo. Séguese lendo, chámanme para traballar arredor del… E non é habitual que un libro teña unha vida tan lonxeva. Eu nin me decataba de que pasaran xa dez anos. No Feminario Feminismos e Resistencias (Teorías e Prácticas), da Universidade de Vigo, que é o grupo de investigación co que estou a facer a miña tese, a directora, Belén Martín, comentou que había xa dez anos que se publicara Moda Galega -isto foi no 2002-. E pensei que podería ser interesante volver aos mesmos temas, os mesmos espazos… despois deste tempo. Así, por unha banda reeditouse Moda galega e pola outra publicouse Moda galega reloaded. (…)
– MD: Moitas veces, dis, dicir “cultura” é outra maneira de dicir “patriarcado”. Onde antes se dicía raza, agora dise cultura para xustificar o patriarcado.
– MR: Ese é un tema central para min. Esa idea de que desde Occidente non se pode facer nada porque “é a súa cultura”, o que fai é ignorar os dereitos das mulleres. Ou derivar nesa outra visión penalizadora de que “é que son uns bárbaros”. O que teñen en común estas dúas visións é que consideran as culturas como entes estáticos, fixos, sen relacións de poder. E o que se consegue así é reforzar o fundamentalismo. Desafiuzar as mulleres, sobre todo as feministas. Porque favorece que, a calquera muller que defenda os seus dereitos, se a etiquete como occidentalizada. E ese é un modo de escurecer toda a historia do feminismo no seu propio país, e de estigmatizar as mulleres dobremente, como feministas e como occidentalizadas. Este é un tema que me provoca moito malestar. E que non é exclusivo dos países poscoloniais. Pois son discursos que tamén están presentes na nosa cultura. Só hai que lembrar a que se montou cando María Xosé Queizán falou do machismo dos textos de Pondal. E non estaba a dicir nada que non fose evidente.
– MD: Tes outro poemario novo, Cousiñas. Escrito inicialmente en alemán…
– MR: Pois é un libro moi distinto a todo o meu discurso habitual. É un libro de amor, ou máis ben de desamor, a unha cidade, Munich. Escribino en alemán e pensando nun público que non era o galego. Pensaba facer unha autoedición, e traducino ao galego para poder traballar con Fabulatorio, que ao final decidiu editalo en galego. Deixamos algúns epígrafes en alemán porque o que fixen foi un xogo de descomposición da lingua, pero o libro está en galego. Ademais, ten moito de libro-obxecto. É moi importante o deseño.”