Anxos Sumai e Berta Dávila, Premios da Crítica en narrativa e poesía

Desde Sermos Galiza:
“Os Premios da Crítica, que cada ano outorgan a Asociación Española de Críticos Literarios veñen de recoñecer os nomes de autores e autoras gañadoras da nova edición que, no caso da lingua galega recaeron en dúas mulleres, Berta Dávila e Anxos Sumai.
Co Premio da Crítica, Berta Dávila súmalle ao seu libro de poesía Raíz de fenda un novo galardón, despois de ter recibido xa o Johán Carballeira. A autora que o pasado ano publicou tamén a novela O derradeiro libro de Emma Olsen (Galaxia) e o álbum infantil A fuxida (Biblos) recibiu tamén o premio á mellor autora do ano nos Ánxel Casal da Asociación Galega de Editores. Raíz de fenda é tamén candidata a mellor libro de poesía nos premios da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega. O libro de Dávila conseguiu ademais a singular marca de ter esgotado a primeira edición en só un mes. “Non sei se mudei ou se o libro me mudou a min porque se deu tamén un cambio na maneira de afrontar a escrita. Que trate temas importantes para min como perdas ou ausencias fixo que desbotase máscaras, trampas ou artificios que usaba para escribir. Tratei de escribir este libro quitando en lugar de poñendo, limpando o que sobraba, o que estaba de máis, esas ferramentas da que se bota man polo seu efecto e non pola súa pertinencia. Estimaba que tiña que facer un texto honesto, directo e limpo. Ese escribir non coma quen lanza unha pedra senón coma quen a lima é o intento que fixen e nese sentido supón unha grande mudanza”, ten explicado do seu libro.
Pola súa parte, a Anxos Sumai, a novela A lúa da colleita déralle xa a alegría do premio García Barros ao que agora se engade o da Crítica como mellor obra de narrativa galega que se deu a coñecer en Logroño. A novela de Sumai é tamén finalista aos premios da AELG que se entregarán o vindeiro 3 de maio. No seu novo título, a escritora situouse, como xa ten feito en repetidas ocasións na súa traxectoria literaria, na fronteira. “No inicio foi nos límites da realidade e a ficción, logo na propia familia e agora na percepción, cando o propio corpo crea limitacións ou aperturas á vida. Aí está o xogo, a evolución, explorando no mesmo territorio” sinalou Anxos Sumai cando recibiu a noticia do García Barros, á maneira de presentación da novela, unha obra na que autora afronta unha “forma de narrar máis descritiva, máis pausada e reflexiva, recreándose nos detalles e na importancia da literatura como evocación”.”

Reproducimos aquí o texto de Olivia Rodríguez:

“A AECL, da que fai parte a Sección de Crítica Literaria da AELG, deu a coñecer os Premios da Crítica 2014, resultando gañadoras as autoras:

Narrativa
A lúa da colleita, de Anxos Sumai, Galaxia, Vigo, Editorial Galaxia, 2013.
Trátase dunha novela curta, de personaxes, na que os espazos -un horroroso edificio de apartamentos ao bordo dun cantil desde o que se abre a Ría de Arousa, e un estudo de pintor nos arrabaldes de Madrid- personifícanse e cobran significados simbólicos. A protagonista volve a un lugar do seu pasado de adolescente nos anos 70, para separarse de si mesma e refacerse xuntando os anacos rotos, vinte anos despois. O lector vai descubrindo aos poucos, a través de episodios sinistros e soños enigmáticos, que o tema da novela é o da tolemia, diseccionada artisticamente na súa dobre vertente de sufrimento e dereito a vivir á marxe da lóxica. A narración deixa un rastro poderoso de sensacións físicas: o olor, a luz, o movemento dos paxaros e o mar; á vez que acrecenta un inesgotábel buraco negro, do que xorden todos os medos.

Poesía
Raíz da fenda, de Berta Dávila, Edicións Xerais de Galicia, Vigo, 2013.
Poemario que dota dunha renovada linguaxe temas recorrentes na poesía galega actual, como a orixe, a casa, a identidade. Con aparente sinxeleza exprésanse a través da corporeización experiencias de dor psíquica representadas por gretas ou fisuras: a familia non escollida, a morte de quen amamos, o desamor e a reconstrución do eu… A creación poética nace do desexo de pechar esas fisuras. A autora ten habilidade para ir en busca da “palabra xusta”, e sorprender cos seus mil significados, en capas superpostas, profundando nelas.”