Helena Villar: “O libro Remontar o río é como a miña manda poética. Unha obra unitaria, ontolóxica…”

Entrevista de Montse Dopico a Helena Villar en Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): É un libro [Remontar o río] moi especial. De que maneira optastes por ese formato?
– Helena Villar (HV): Pois tivo que ver coa xénese do libro, que naceu nunha viaxe en barco polo Danubio. Eu nunca pensara, porque ás veces non pensamos nas cousas máis sinxelas, que cando un barco descende por un río despois ten que volver ascender. Ademais, ao final do traxecto había unhas exclusas, máis difíciles de pasar na viaxe de retorno. Pois a orixe do libro estivo nese choque con esa evidencia elemental que me pasara desapercibida. Quixen remontar o meu propio río da memoria. Isto foi hai catro anos, en xuño do 2010. Levaba un caderno no que fun apuntando as impresións que me causaba a paisaxe, as lendas… E moitos deses apuntamentos nin tiveron reescritura posterior. Ao chegar á casa gardeinos, mais despois decidín facer un libro.
Paseille os poemas á miña querida amiga e gran artista Luz Darriba para que se encargase das ilustracións. E como ela quere facer todo ao grande, pensou en facer un libro en forma de río. Nun principio fixo ilustracións dixitais, mais a súa filla Aymará, que foi quen maquetou o libro, díxolle que como a artista que é podía facer algo moito máis bonito… E entón Luz remontou tamén o seu propio río: volveu aos pinceis e a tinta, á súa época de estudante de Belas Artes. Despois houbo tamén moito traballo de litografía. Son 500 exemplares, pegados á man. Un río de 12 metros sobre o meu texto. Unha auténtica paráfrase… (…)
– MD: Remontas o río da vida. Dos recordos.
– HV: O vals e a rosa, que son tamén Viena, son imaxe da adolescencia. Nos poemas están as paisaxes reais que vin naquela viaxe en barco e as miñas paisaxes emocionais. Hai tamén unha tetratonía, as catro estacións, con Vivaldi, que son as estacións da vida. Co inverno volven o vals e a rosa na memoria, e tamén somos persoas máis fortificadas, arriquecidas, tranquilas… Creo que Remontar o río é un libro optimista. Porque nada foi en balde. O bonito quedou aí e o que non fíxonos máis fortes. Xa na desembocadura do meu propio río móstrome optimista, alegre…
– MD: É optimista, se cadra, porque apunta ás cousas importantes da vida.
– HV: É un libro moi unitario. Podería ser un poema só. É moi sensual tamén. A sensualidade sempre está presente nos meus poemas. Hai un poema, por exemplo, sobre a ausencia de pracer nun momento. Sobre o desexo de pracer, do pracer dos sentidos, que tamén é o do amor. Os poemas reivindican, si, cousas imprescindibles da vida. Nun dos poemas está tamén a dor: a ortografía da dor, como se escribe a dor, porque a vida tamén é iso… Eu tiña moitas ganas de facer un libro unitario, redondo. E a verdade é que chegou a darme moito medo a súa beleza, como obxecto. Cando chegou, estiven varios días sen abrilo. Porque tiña medo de que o meu texto defraudase, ante tanta beleza. Cando me atrevín a abrilo non me defraudou, é certo… Dalgunha maneira, Remontar o río é tamén como a miña manda poética. O cal non significa que vaia deixar de escribir. É unha obra ontolóxica, existencial… Teño a impresión de que non vou facer outro libro así. Aínda que é verdade que eu, sendo tan combativa na vida real, o que me sae cando escribo poesía é algo máis ontolóxico, existencial, intimista… Cústame saír dese marco. Por iso na miña obra atópanse dous tipos de poesía, a erótica e esta. (…)”