Propostas con premio: Doe tanto a túa ausencia, de Eli Ríos, premio Francisco Añón de poesía

Entrevista de Ramón Nicolás a Eli Ríos en Caderno da crítica:
“(…) -Ramón Nicolás (RN): Por outro lado, o xurado do premio Francisco Añón salientou o peso do dramático no teu libro [Doe tanto a túa ausencia], por que este camiño?
– Eli Ríos (ER): Principalmente por experimentar, por mergullarme nun desafío poético. Nunha conversa cun amigo falamos sobre a capacidade que ten a poesía para ser representada e interesoume moito o tema. Quixen ver até onde podía ir… e aquí estamos. (…)
– RN: Recoñeces como trazo singularizador o minimalismo e o desdobramento ao que aludiu o xurado na acta do mesmo?
– ER: Isto foi algo que destaquei no mesmo acto de entrega. Estaba alí sentada na cadeira, escoitando a acta do xurado (aínda non tivera ocasión de lela), e houbo un momento no que as palabras de Mercedes Queixas me meteron moito medo, puxéronseme todos os pelos de punta! Se non fose porque sei que non é posible até dubidaría se conseguiran lerme os pensamentos!
De feito, creo que o Concello da Serra de Outes debería plantexarse recoller as actas nalgún volume porque, hai uns días, nunha Feira, achegouseme unha persoa a pedir Doe tanto a túa ausencia e quería que llo asinase. Expliqueille que o poemario non se publica até o ano próximo e terqueoume que si, que vira a acta do premio, que lle interesaba moito e que o quería ler. Como ves, o xurado non só me impresionou a min coa súa lectura…
– RN: Combinas outras actividades con participación na web de crítica feminista A Sega. Como entendes esta plataforma e as túas colaboracións na mesma?
– ER: A Sega é moito máis do que unha plataforma. A xente que alí estamos somos cada unha de idades, formacións, orixes, etc, diferentes e temos unha cousa en común: a vontade de cambiar as regras deste xogo patriarcal que non queremos xogar. Isto fai que cada texto, cada acción, cada idea á que lle damos visibilidade teña por detrás un espazo de debate compartido no que nunca paras de aprender. Para min, é realmente enriquecedor contar cunha xentiña como as segadoras sempre dispostas a solucionar dúbidas, a facer as críticas constructivas que che axudan a mellorar ou entender as cousas… É un privilexio crear na colectividade e na sorodidade para dar voz a propostas que non terían cabida noutros medios.
As miñas colaboracións n´A Sega gustaríame que fosen máis habituais pero, por falta de tempo, faise o que se pode. Non se pode estar en misa e repenicando! E isto é fantástico na Sega. Sempre hai unha segadora na ceifa! Hai semanas que non me dá a virada para entrar ao grupo de debate e, cando o fago, sorpréndome con todas as aportacións que hai, propostas, recomendacións de lecturas, etc. E claro! Logo pasas outra semana rompendo os miolos sobre as teorías que se expoñen…, e cando te dás conta levas máis aprendido que nun ano de carreira universitaria. De aí que, cando unha colaboración que leva o meu nome sae n´A Sega, eu non a sinta de meu senón de todas e cada unha das segadoras que están nese proceso de aprendizaxe, de debate, de corrección, etc., que se propón na comunidade de crítica literaria feminista que é A Sega.”