Entrevista
a Eva Veiga en Vivir na Coruña:
“(…) – Vivir na Coruña (VnC): Eva, que é para ti a poesía? Que importancia pode ter para unha persoa, ou para a sociedade, como elemento de axuda?
– Eva Veiga (EV): Para min a poesía é unha arte e, como toda arte, é o modo de transformar a realidade dende un punto de vista da consciencia. Pero coido que a palabra ten algo que non teñen outras artes, que é a conceptualización. Ademais do sensible e o emocional, que é esencial, tamén está a capacidade de converter en concepto un pensamento ou emoción.
Concordo coas palabras de Octavio Paz nas que di que: “a historia ofrécenos a documentación do que se vive, pero a verdade é outra”, e a verdade vennos dada pola poesía. Ela expresa as emocións e sentimentos dun grupo humano, pero por riba disto danos a palabra en liberdade. Isto é para min o esencial. A poesía é fundamental a nivel social, universal, ten unha función crítica e fainos máis libres. Ao mesmo tempo tamén serve para establecer un vínculo afectivo co mundo xa que a poesía non existe sen emoción, ten que ser un golpe emocional que produza movementos tectónicos dentro.
Por outro lado a poesía tamén ten un valor terapéutico. Axuda a expresar o que un sente, ou o que non sabe que sente. Aquilo que está agochado. Axúdache a obxectivar o que tes dentro. Pensas que pensas, ou pensas que sentes, pero cando escribes decátaste da cantidade de sentimentos embarullados que hai no teu interior. A escrita axuda a poñer en orde isto. Axúdame a coñecerme a min mesma e a transformarme. A ir máis aló da palabras que conforman o imaxinario da nosa realidade e, quizais, transformar o meu mundo.
– VNC: Cal é a relación do poeta co lector?
– EV: A palabra debe ter visión prismática. Un bo poema ten que ter sempre un significado polisémico e a palabra non se cingue a unha lóxica determinada. Ao lector se lle dan algo rematado de sentido non ten nada que facer. O propio poema danos a posibilidade como lectores de reescribir ese poema. A ambición máis grande do escritor non é o propio libro que escribe, senón o libro que escribe con cada un dos seus lectores, que será distinto. (…)”