Desde Galiza Cultura:
“A Federación de asociacións culturais GALIZA CULTURA ven celebrando desde que se conmemorou no 2011 o 125 aniversario de Castelao co total desprezo por parte da Xunta e demais institucións galegas a lectura pública do ALBA DE GLORIA de Castelao desde o cumio do Pico Sacro, espazo simbólico no que a terra se fai espírito e que a cultura do noso pobo recubriu de significados ao longo dos séculos. Rememoramos á xeración do Seminario de Estudos Galegos que reparou neste lugar emblemático, visitou e estudou, amosando unha actitude intelectual de interese e respecto polo propio que contrasta cos valores que agora se están a transmitir de fascinación provinciana polo alleo.
Cúmprense 90 anos desde que Castelao acudiu en peregrinación até este lugar no 1924, cando unha ditadura impedía celebrar como se debera a festa nacional, e volveu imaxinariamente sobre el, desde o exilio, ao construír unha das súas pezas ensaísticas e literarias máis profunda, o Alba de gloria, discurso de celebración do día da patria galega. Para el era un lugar no que a resistencia do terreo a ser estepa, inspiraba a quen acreditaba en que o noso ser diferencial non ía ser borrado pola enxurrada reaccionario de entón. Por iso queremos render homenaxe a Castelao as asociacións culturais galegas porque queremos volver sobre os seus pasos físicos e intelectuais e homenaxear a este creador comprometido co seu pobo. Lembrar e retomar unha tradición que apesares das circunstancias conxunturais adversas porfía en alumear un futuro mellor, unha alba de gloria para Galiza e a súa cultura.
Por iso este ano 2014, nun contexto agravado pola dedicación das letras galegas a un membro dun réxime que pretendeu exterminalas, volvemos un ano máis a dar lectura ao Alba de Gloria no Pico. O programa deste ano quedaría como segue:
– 12:00 h. Benvida a cargo do escritor Xosé Luís Santos Cabanas e subida ao cumio do Pico Sacro (o último treito).
– 12:30 h. Izado da bandeira por 2 membros da Asociación Cultural “Vagalumes” de A Estrada. Actuación do gaiteiro nubeiro Raúl Galego. Leitura de Alba de Groria de Castelao por parte dun representante da A. C. O Galo de Santiago, Marisa Otero da Asoc. Sennunpeso de Vedra, Maria Xosé Sánchez Sebio veciña de Codeso (Boqueixón) e Iolanda Aldrei da Asoc. de A Granxa do Pico Sacro.
– 13:00 h. Roteiro guiado ao redor do Pico Sacro comentando a súa historia, valor natural e paisaxístico, e para ollar as súas furnas.
– 13:45 h. Actuación dos cantautores Mini e Mero no atrio da capela do Pico Sacro.
– 14:45 h. Xantar en Casa Castro en Sergude. É necesario anotarse antes do 18-07-2014 aquí.
Visita guiada Da auga e da pedra. Guía: Iolanda Aldrei.
– 16:30 h. Saida desde Casa Castro en Sergude para ir á aldea de San Paio. Deixamos a metade dos autos no inicio e levamos a outra para o final da ruta a pé.
– 16:45 h. San Paio-Donas. A pé sobre 3 km. Pasarase por unha carballeira, por zonas con bosque atlântico, duas fervenzas e varios muíños restaurados. Se alguén o prefire pode facer case todo este treito en coche pero perderá grande parte da súa beleza medioambiental e sociocultural. Véxase aquí.
– 19:00 h. Donas-Ladeira do Pico Sacro. Desprazamento nos automóbiles. Ollaremos a igrexa de San Lourenzo que especialmente abrirán para esta visita. Dentro conserva pinturas murais (s.XVII-XVIII) e restos arquitectónicos dos s.XII-XIII. Ligazóns 1 e 2
– 19:45 h. Centro de Interpretación do Pico Sacro. Desprazamento nos automóbiles.
Complétase o roteiro neste centro ubicado na antiga Casa do Cura de Lestedo e que tamén abren para nós. Nel achegarémonos ao ecosistema, e a historia e cultura das Terras do Pico Sacro e do Val do Ulla. Ligazóns 1, 2 e 3.
Con mal tempo, a visita guiada farase só en coches e unicamente veremos o interior da igrexa de A Granxa e o Centro de Interpretación do Pico Sacro.
Pídese asistir a toda, ou a parte desta actividade que organiza a Federación Galiza Cultura a través da Agrupación Cultural O Galo e A. C. Vagalumes e coa colaboración de asociación e veciños das parroquias do Ulla, que tamén deste xeito queren revalorizar o seu patrimonio e lembrar a forte vinculación de Castelao con esta terra.”