Alberto Ramos gaña o Premio García Barros con Máscaras rotas para Sebastian Nell

Desde Sermos Galiza e Praza:
“O xornalista e escritor compostelán Alberto Ramos gañou a XXVI edición do premio de novela Manuel García Barros (Ken Keirades) coa súa obra Máscaras rotas para Sebastian Nell. O xurado destaca a “gran orixinalidade estutural da obra e a densidade humana humana que resulta da caracterización do seu protagonista”, un actor inglés nas súas últimas horas.
Os membros do xurado destacan, ademais, a capacidade para aunar diferentes estilos que conxugan o narrativo co xñenero da entrevista. Un relato no que o protagonista lembra as luces e sombras da súa vida, amosando “todo un mundo de miserias persoais e profesionais, de envexas e de iras que trazan un retrato intenso e non sempre agradecido do difícil universo do teatro e do espectaculo”.
A súa obra Máscaras rotas para Sebastian Nell impúxose a outros 32 traballos que se presentaran a concurso. Como galardón, o autor recibirá 9.000 euros en metálico e verá publicada a obra nos vindeiros meses coa Editorial Galaxia. Malia a súa xuventude, anteriormente publicou Dor Pantasma (2006); Con acuse de recibo (2010); e Todos os días (2013). (…)
Ese cóctel de cinema e xornalismo constrúe “un diálogo narrativo” entre Sebastian Nell e a xornalista que o entrevista, unha “narración dialogada” que constrúe os personaxes e a súa vida e tamén realiza “un percorrido pola historia das últimas décadas”, explica o autor. Os bombardeos de Londres na II Guerra Mundial, a beatlemania dos anos 60 ou a vida de Hollywood salfiren un libro no que tamén sobresae o thatcherismo do seu protagonista. Sebastian Nell, “ademais dun elitista é un homófobo, un machista” e un tipo “soberbio, petulante e desagradable en xeral”. Pero asume a praxe política da primeira ministra británica “dun xeito pragmático, aínda que lle quede moi á esquerda porque el é moito máis ultraliberal”, detalla Ramos.
Para o escritor a “importancia” de abordar esa época recae en que “moito do que hoxe vivimos” vén dese “laboratorio inglés”. “Foise coando por Europa durante as últimas décadas” e iso, precisamente, “é o que pensa Sebastian Nell”, que ve a Thatcher como a muller que “marca a política de Europa para varias décadas”. O protagonista “pode ser moi odiable” pero tamén acabar, dalgún xeito, por “caerlle ben” a uns lectores que, afirma o escritor, “superan calquera desafío” e por iso non cre que presentar unha novela con este formato “sexa un risco”. “É un libro máis que poderá gustar máis ou menos”, subliña ante un público que “supera os riscos mellor que calquera escritor”. O resultado, este outono nas librarías.”