Escribir nas marxes, por Lara Rozados

ReportaxeA Sega de Lara Rozados na Plataforma de Crítica Literaria A Sega:
“Outro setembro volvémonos xuntar en Salvaterra do Miño para partillar poesía, música, encontro, e si, tamén bebida. O XXVIII Festival de Poesía do Condado, co lema “Escrever nas margens”, xuntou unha chea de xente unha vez máis a pasada fin de semana, o venres 5 e sábado 6 de setembro, acampando arredor da Muralla, montando postos de artesanía, de pequenos negocios, asociacións ou colectivos, recitando, tocando, cantando, bailando, ou ben paseando e gozando da festa sen máis. Unha festa destas que nacen da xente e para a xente.
A Sociedade Cultural e Desportiva do Condado continúa, case tres décadas e varias xeracións despois (ás que roldamos a trintena empeza a desacougarnos a cantidade de cativada e pre-cativada, ou barrigas, para ser máis clara, que se atopa no festival), loitando por esta festa, con escasos apoios institucionais, pero moito da propia xente. Dicía Lara Soto (quen loce unha das barrigas destas das que falo) cando presentaba a Blues do País, ao inicio da Noite nas Minas, que custa traballo facerse ver, pero aí seguen. Pouca xente, pero con moita gana e moito que dicir. E así arrincou, desde esa marxe física e simbólica que é a fortaleza á beira do Miño, unha nova edición do festival. (…)”