Entrevista de Montse Dopico a Gonzalo Hermo no Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): Na única evidencia que nos queda:/ para volver nacer xustamente/ é necesario algún xeito preciso de morte”. Estes versos poderían resumir o contido do libro [Celebración], non si?
– Gonzalo Hermo (GH): O certo é que non me resulta doado falar sobre o que escribo porque coido que o fago desde unha sorte de intuición, pero si, diría que eses versos poden ser definitorios do que é o libro. Celebración sitúase nun proceso de tránsito, un cambio que está a suceder. Nese sentido, penso que é permeable á conciencia xeral da época en que vivimos. Falouse e continúa a falarse moito de posmodernidade, pero a posmodernidade non é máis que os cascallos da modernidade. Unha época de crise en si, onde non acaba de divisarse con claridade un horizonte de perspectivas. Nese sentido, o libro aposta por evitar a tentación da nostalxia e invocar aquilo que está por vir. Habitamos un mundo en ruínas que ten que morrer, desaparecer, para que xurda algo novo.
– MD: Con iso deben ter que ver os símbolos: o frío e a calor, os insectos, a multitude…
– GH: Non me gustaría que o libro fose lido en clave metafórica. Onde digo “frío” quero dicir “frío” e máis nada. Non foi a miña intención escurecer o contido mediante mensaxes cifradas. O poema crea (ou debera crear) o seu propio espazo de significación e polo tanto remitir só a si mesmo. Asunto distinto é qué me leva a min, como autor, a escribir sobre o tránsito. Aí é onde entra a época, a realidade social, o mundo que habitamos. Para min son planos diferentes que deben permanecer separados. (…)
– MD: Resulta, si, moi diferente de Crac. Este ten máis que ver co eu, sen deixar de ser político, no sentido do público, o colectivo.
– GH: Coido que Celebración é un libro político na medida en que é consciente da época en que agroma e toma partido. O que non é, é panfletario. Crac foi necesario para chegar a el, pero non deixa de ser un caderno de fascinacións literarias e culturais, un libro de aprendizaxe. Dalgunha maneira, sinto que Celebración é o meu primeiro libro.
– MD: Por que lle chamaches Celebración?
– GH: Primeiro pensei en titulalo Frío, pero acabei descartándoo porque remitía á idea de inmobilidade, de permanencia, e o libro propón xusto o contrario: saír do frío, recibir a calor, mesmo que saibamos que nesa calor as cousas acabarán degradándose. No fondo, o que se celebra é a vida, supoño. Tal e como é: cambiante, móbil, finita. (…)”