Entrevista de Montse Dopico a Lara Rozados en Magazine Cultural Galego:
“Hai moito desacougo en O caderno amarelo, o libro co que Lara Rozados gañou o Premio de Poesía Victoriano Taibo. E ten que ver co desemprego e coa precariedade laboral, con non saber de que se vai vivir os próximos meses. Síntoma dun tempo no que a opresión se exerce, outra vez, desta e doutras moitas maneiras como a represión da disidencia. Contra iso revóltase O caderno amarelo. Que é tamén, di a súa autora, irmandade fronte á barbarie. Procura do colectivo fronte á neoliberalización das vidas.
– Montse Dopico: O libro fala, nada máis comezar, de desemprego e precariedade (Birama). E gran parte dos poemas transmiten unha sensación de desacougo (non poder durmir, por exemplo), relacionada con iso. Por que?
– Lara Rozados: Porque o libro naceu nun momento e nunhas condicións moi precisas, as miñas e as de moita outra xente. O caso do Birama era moi específico, foi un rapaz senegalés co que convivín un tempo e que o pasou realmente mal. É normal que me viñese a súa situación á mente neste momento: levaba unha chea de tempo sen traballo nin prestacións, tirando dos aforros, sobrevivindo entre clases particulares ou coidados, chamando a calquera oferta de traballo que aparecese no xornal (incluíndo unha de axente de seguros, para a que tiven que facer un exame e despois traballar un mes sen cobrar un peso nin contrato ningún, até que me saíu a posibilidade de traballar nun campamento de verán), enviando unha chea de currículos ao día… En fin, nada que non lle soe familiar a calquera persoa que viva neste tempo. Ese desacougo que reflicto ten que ver coa incerteza, con, directamente, non saber de que vas vivir nos próximos meses. Por fortuna, parece que ‘O caderno amarelo’ actuase coma unha sorte de exorcismo, e foime saíndo traballo, incluso con alta na seguridade social, remunerado, e esas cousas que había anos que non vía, desde xullo até agora. (…)”