Cando a poesía persoal é política (tamén), por Eli Ríos

DesdeEli Ríos A Sega:
“Seique a poesía é esa expresión artística onde se manifestan sentimentos, pero que acontece cando ese sentir privado da poeta atinxe o político? Pois, como ben afirmou o xurado do VII Certame de Poesía Victoriano Taibo sobre O caderno amarelo de Lara Rozados, agroma unha “radiografía xeracional” na que se prescinde do eu como suxeito para convertelo nun plural do que todas formamos parte. A poesía transfórmase nunha ferramenta de expresión das rúas, das súas xentes, do colectivo, do hoxe, do aquí e do agora. Sen adornos e cunha linguaxe clara. Sen eufemismos. Poemas contundentes dun tempo precario, agresivo e inzado políticas discriminatorias e dominantes. Si, o persoal é político tamén.
O caderno amarelo parte do cotián, das cousas concretas que vivimos ou vemos. A poeta enfoca, aporta un gran de luz e fixa a atención nunha notícia dun xornal, nunha carta, nun insomnio, nun silencio,…, e, quen lemos, descartamos a posibilidade da inverosimilitude porque todas coñecemos un Birama, ese desacougo que nos impide durmir (“aproveitaremos tamén/ o insomnio/ para destecermos as arañeiras“, ( p. 37), esa incerteza laboral (“Buscamos unha liña de fuga/ que nos permita vivir/ sen termos que vender seguros/ a porta fría“, (p. 45) ou tentamos “acalmar o proído/ con menta brava”(p. 55). (…)”

Lara Rozados: “O estado das cousas ao que nos están sometendo é unha forma moi efectiva de opresión”

EntrevistaLara Rozados de Montse Dopico a Lara Rozados en Magazine Cultural Galego:
“Hai moito desacougo en O caderno amarelo, o libro co que Lara Rozados gañou o Premio de Poesía Victoriano Taibo. E ten que ver co desemprego e coa precariedade laboral, con non saber de que se vai vivir os próximos meses. Síntoma dun tempo no que a opresión se exerce, outra vez, desta e doutras moitas maneiras como a represión da disidencia. Contra iso revóltase O caderno amarelo. Que é tamén, di a súa autora, irmandade fronte á barbarie. Procura do colectivo fronte á neoliberalización das vidas.
– Montse Dopico: O libro fala, nada máis comezar, de desemprego e precariedade (Birama). E gran parte dos poemas transmiten unha sensación de desacougo (non poder durmir, por exemplo), relacionada con iso. Por que?
– Lara Rozados: Porque o libro naceu nun momento e nunhas condicións moi precisas, as miñas e as de moita outra xente. O caso do Birama era moi específico, foi un rapaz senegalés co que convivín un tempo e que o pasou realmente mal. É normal que me viñese a súa situación á mente neste momento: levaba unha chea de tempo sen traballo nin prestacións, tirando dos aforros, sobrevivindo entre clases particulares ou coidados, chamando a calquera oferta de traballo que aparecese no xornal (incluíndo unha de axente de seguros, para a que tiven que facer un exame e despois traballar un mes sen cobrar un peso nin contrato ningún, até que me saíu a posibilidade de traballar nun campamento de verán), enviando unha chea de currículos ao día… En fin, nada que non lle soe familiar a calquera persoa que viva neste tempo. Ese desacougo que reflicto ten que ver coa incerteza, con, directamente, non saber de que vas vivir nos próximos meses. Por fortuna, parece que ‘O caderno amarelo’ actuase coma unha sorte de exorcismo, e foime saíndo traballo, incluso con alta na seguridade social, remunerado, e esas cousas que había anos que non vía, desde xullo até agora. (…)”

Lara Rozados: “O caderno amarelo nace dun tempo de precariedade e hiperactividade”

EntrevistaLara Rozados de Carme Vidal a Lara Rozados en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Por que titula o seu primeiro libro O caderno amarelo?
– Lara Rozados (LR): A obra é dispersa e foi escrita nun caderno de tapas amarelas co que me agasallara a miña tía e que non me atrevía moito a escribir nel. Só tiña a entrevista con Euloxio Ruibal que fixera para o A Fondo de Sermos Galiza e algunha cifra para guitarra. Unha noite comecei a escribir o que me rebumbiaba na cabeza pensando moito o que facía, case sen borróns e en dous meses naceu o libro. A coincidencia coa obra e Doris Lessing, O caderno dourado, gustoume. (…)
– SG: Os premios abren novos camiños?
– LR: Abren. Editar é complicado, non sendo que recorras á autoedición ou edición independente. Dalgunha maneira é o poemario dunha principiante mais desde entón non parei de escribir. Aspiro a formar unha linguaxe propia de meu e seguir escribindo.
– SG: Que características ten que ter esa linguaxe propia que desexa?
– LR: Gustaríame moito definila, mais será á volta do tempo. O que sei é que estou na mesma coordenada que outra xente do meu tempo e o meu contexto. Trátase de escribir unha poesía cunha linguaxe moi clara, moi directa, que tire máis polo colectivo que polo persoal. Quero depurar a linguaxe o máis que poida sen demasiados adornos. Teño a norma de eliminar adxectivos e que os poemas sexan contundentes. (…)”

A xornalista Lara Rozados gaña o Premio de Poesía Victoriano Taibo con O caderno amarelo

DesdeLara Rozados Sermos Galiza e o Instituto de Estudos Miñoranos:
“Con O caderno amarelo, a xornalista Lara Rozados resultou gañadora da sétima edición do Premio de Poesía Victoriano Taibo-Entidade Local de Morgadáns, dotado con 3.000 € e que será entregado, como cada ano, nun acto cultural que se desenvolverá no mes de novembro.
As escritoras e escritores Xosé María Álvarez Cáccamo, Marta Dacosta, Araceli Gonda, Rexina Vega, Ramón Sandoval e Miguel Anxo Mouriño formaban parte do xurado que escolleu a obra de Rozados entre as catro que foran seleccionadas como finalistas. Será o primeiro libro publicado desta autora que, sen embargo, cona xa cunha ampla traxectoria no mundo cultural e literario. (…)”