Alberto Ramos: “Thatcher está moi viva en San Caetano, nos ministerios, nos concellos… e dependerá de nós darlle un enterro digno, ou mellor indigno”

EntrevistaAlberto Ramos de Montse Dopico a Alberto Ramos en Praza:
“(…) – Montse Dopico (MD): O libro [Máscaras rotas de Sebastian Nell] é, basicamente, unha entrevista. Deformación profesional?
– Alberto Ramos (AR): Veu antes a idea da entrevista que o propio personaxe, Sabastian Nell. A idea era xogar coa forma, coa estrutura, e pareceume interesante mesturar técnicas xornalísticas: a entradiña reportaxeada na que presento os personaxes e a situación e despois a entrevista, que ten tamén moito de teatro… O personaxe ía ser, en principio, un fotógrafo de longa carreira que comezase na Transición, que ía rexeitar un Premio Nacional… Pero ao final decanteime por cambiar, por viaxar ao ámbito inglés, porque teño unha querencia especial co teatro e Inglaterra é o país de maior tradición teatral, no que as artes escénicas gozan da maior respectabilidade… Niso, hai un forte contraste co que pode suceder aquí.
– MD: Porque aquí o teatro non é igual de respectado?
– AR: O valor que se lle dá aquí ao teatro e á cultura en xeral, non ten que ver co que se lle dá en Inglaterra nin noutros moitos países. Que un actor británico diga, como fixo Derek Jacobi, que se cadra as obras de Shakespeare non eran del, é algo que sae nos medios e que ten unha repercusión social. Aquí non lle importaría a case ninguén. Claro que no libro falo do bo que pode vir de Inglaterra, mais tamén do malo, que non é pouco. (…)
– MD: Sebastian Nell é unha xoia: machista, homófobo, clasista, está cheo de soberbia… Diso que chaman antiheroe, polo menos.
– AR: Pode ser un antiheroe, si. Mais o seu gran defecto é que é extremadamente humano, de forma superlativa. Aos seus defectos, elevados á máxima potencia, tamén o foi levando a súa evolución vital. Acaba por ser o retrato do declive, un histrión, unha parodia. Non quero dicir que o personaxe sexa só iso, parodia, mais si creo que canto máis tempo pasa máis nos convertemos en parodia de nós mesmos. Sebastian Nell non deixa de ser unha persoa soa, triste e miserable, que chegou a estar como está polas decisións que tomou na vida, guiado por instintos humanos como a ambición, a soberbia, a prepotencia. Tamén polas cousas que lle acontecen nesta vida e que ninguén pode controlar. (…)”