Entrevista de Xesús Manuel Piñeiro a Isaac Xubín en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Tempo de exilio é a primeira antoloxía de Joseba Sarrionaindia. E edítase en galego. E, ademais, con poemas elixidos por el propio especialmente para a ocasión. Como foi todo isto posíbel?
– Isaac Xubín (IX): Desde mozo Sarri tivo relación coa literatura galega. Segundo el propio ten confesado en entrevistas, un primeiro contacto co galego foi ‘Deitado frente ao mar’ de Celso Emilio Ferreiro, aquel. A partir de aí foron chegando Cunqueiro, Castelao e moitos máis. Sarrionaindia con Koldo Izagirre editaron no seu día un poemario bilingüe de autores en galego traducidos ao euskera, ‘Poemas Náufragos, Galegoz heldutako poemak’, onde estaban Manoel Antonio, Luis Seoane, Amado Carballo… De feito, unha das seccións de Tempo de Exilio leva o título de Poemas Náufragos. (…)
– SG: Ademais de tradutor ti tamén es escritor, tes publicado libros de poemas e gañado certames do prestixio como o Lorenzo Baleirón (no 2011). Esa faceta permitiuche ver na obra de Sarrionainda outros ángulos?
– IX: Salvando as distancias, eu levo tamén moitos anos fóra do meu país. Iso fixo que, para min, como persoa e autor foi moito máis doado achegarme á obra de Sarrionaindia. Sempre foi algo que me marcou, como persoa e autor, a sensación de soidade, de viaxe… De feito teño moi en mente un dos primeiros poemas que lin de Sarri e que fala dos húmidos e longos trens. Sempre tiven esa imaxe das estacións de trens, trens cargados dunha connotación de desarraigo. (…)
– SG: E o panorama literario galego?
– IX: Bon, penso que quizás deberiamos ser un bocadiño máis atrevidos, e aí fago tamén crítica de min propio que non son moi atrevido á hora de escribir. A nivel de poesía si vexo xente que está dando un paso adiante na creación e concepción da poesía, falo de persoas como Gonzalo Hermo ou Francisco Cortegoso, entre outras. Eu son sempre optimista aínda que ás veces nas análises semelle pesimista. Se este país quixera sería un país marabilloso en todos os sentidos, entre elas o poder creativo, que entre os galegos non estivo nin está valorado como debera. Mais creo que hai razóns para a esperanza.
– SG: Como ves o panorama da tradución en Galiza?
– IX: O mundo da tradución en Galiza é unha das cousas que vexo con máis esperanza. Hai unha serie de pequenas editoriais agora mesmo que están a apostar na tradución: Rinoceronte, Hugin e Munin, Urco… Uff!, non quero poñer a citalas todas por se me esquezo dalgunha e a verdade é que teñen moito mérito todas elas. E non é só que escollan ben os autores, senón que teñen criterio, non se deixan levar por modas, por curto-pracismos, polo que marquen as grandes editoriais… E iso ten moito mérito, máis aínda na situación económica na que estamos. Iso é mostra de que hai unhas ideas e un compromiso coa calidade, de que hai xente que se preocupa por buscar, por querer coñecer e non estar simplemente á espera de que lle chegue a última obra de moda… (…)”