Carlos Negro: “Cómpre combater a idea de amor que perpetúa os roles de ‘machito’ e princesa”

EntrevistaCarlos Negro de Romina Bal a Carlos Negro en Praza:
“(…) – Praza (P): Por que te decidiches a escribir Penúltimas tendencias?
– Carlos Negro (CN): En cada poemario gústame cambiar de voz, xogar coa poesía. Neste caso quixen poñerlle voz a unha moza contemporánea. Nas mozas os roles de xénero están moi marcados, expostos totalmente ás mensaxes cargadas de estereotipos grazas aos medios de comunicación. Pretendo que reflexionen sen xulgalas, sementando dúbidas. Hai dez anos non vivían no inmediato das redes sociais e, aínda que existe máis información, tamén hai máis lixo. Penúltimas tendencias é a resposta a un retroceso na liberación dos estereotipos. (…)
– P: Cal era o teu obxectivo?
– CN: Empregar esa linguaxe pop, a que falan as mensaxes que dirixe a publicidade e crear unha moza ficticia que esta cambiando e que cuestiona ese mundo ou que dubida del. Combater esa linguaxe de Crepúsculo, Xogos da Fame, One Direction, Hanna Montana… e provocar emoción a través dos versos, quitarlles o medo, o medo á poesía, tamén a súa transcendencia. O libro aposta pola diversidade de emocións das adolescentes para que sexan libres, pula polo dereito á intimidade para que sexan conscientes de que hai experiencias persoais que non teñen porque compartir. Turra para que se cuestionen a realidade. (…)
– P: Como son os obradoiros que desenvolves nas aulas e cal é a túa experiencia?
– CN: Adoito levar comigo unha serie de obxectos que emprego para combater o consumismo e os roles de xénero, a violencia tamén. Levo espellos, gloss, maquillaxe, pinta unllas… Creo certo misterio arredor deles para que se amosen atentos botando man de bonecas góticas ou barbies e fágoos pensar sobre o que quero transmitir en poemas meus como por exemplo en Casual look, Monster girl, Gótica ou en Princesa (contra) Disney. Tamén facemos cuestionarios como o que hai no libro e achego a visión da protagonista en poemas como Superpop e Guapa y a la última, entre outros. Emprego a poesía como ferramenta de aproximación e elas responden moi ben. Nun dos últimos obradoiros que desenvolvín no CPI Miño regaláronme unha morea de poemas contestando ao meu A que sabe o amor? e fiquei moi feliz. (…)”