Xosé Neira Vilas: “A miña identidade galega naceu aos poucos meses de chegar a Bos Aires”

EntrevistaXosé-Neira-Vilas-150x150 de Montse Dopico a Xosé Neira Vilas en Praza:
“(…) – Praza (P): A emigración é protagonista de boa parte dos seus libros. Temos que mudar a imaxe dominante sobre este fenómeno? Puido ser un drama familiar, mais tamén unha oportunidade para moita xente de fuxir do caciquismo, ter máis liberdade, acceder á cultura…
– Xosé Neira Vilas (XNV): A emigración trouxo a Galicia 317 escolas e moitas cousas boas máis. Foi un factor de progreso para Galicia e non só unha desgracia. A xente nova marchaba para América… e si que é verdade que alí atopaban unha liberdade que aquí non tiñan. As primeiras escolas os emigrantes fixéronas alí, e foi alí onde moita xente puido estudar, ademais de ter oportunidades de desenvolverse profesionalmente que aquí non había. (…)
– P: Aos 20 anos emigrou a Bos Aires. Dixo que descubrira Galicia en Bos Aires, ao ler e estudar…
– XNV: E non só iso. A Biblioteca do Centro Galego foi moi importante. Pero nós tiñamos, ademais, o privilexio de recibir, nos centros galegos, clases, e en galego, de historia de Galicia, de lingua, de xeografía, de arte, de economía… algo impensable aquí. E os nosos mestres chamábanse Luís Seoane, Rafael Dieste, Lorenzo Varela, Blanco Amor… No Centro Galego de Bos Aires había ademais un bibliotecario, Luís Ares, que nos foi xuntando aos mozos emigrantes. Así formamos as Mocedades Galeguistas, o periódico Adiante… Despois participei en moitas iniciativas para difundir o libro galego: fundamos a editorial Follas Novas, fixemos exposicións por América… (…)
– P: Vostede investigou tamén a prensa galega da emigración. As cifras son abraiantes.
– XNV: A prensa galega de Cuba foi moi numerosa e tivo unha gran calidade. De 1878 a 1960 editáronse 71 publicacións da emigración. Con títulos como El Eco de Galicia, Follas Novas, A Gaita Gallega que foi o primeiro totalmente en galego… (…)”